O Arquivo municipal deixa a Casa Consistorial para trasladarse a Casa da Luz
Por Redacción
A próxima reforma do edificio de Sesmero obriga ao traslado de todos os servizos á Casa da Luz ao longo do mes de febreiro.
Os fondos do Arquivo municipal múdanse dos baixos do histórico edificio de Alejandro Sesmero. A partir do mes de febreiro, o Arquivo municipal atenderá dende a primeira planta da Casa da Luz.
Nos últimos días as brigadas municipais trasladaron unhas 3.000 caixas do fondo do Arquivo municipal situados na Casa Consistorial ao Edificio Froebel e ao moderno depósito do soto -2 de Michelena, 30, onde tamén se atopan parte dos arquivos municipais. O traslado completouse o venres pola mañá por parte das brigadas, e dende onte os baixos da Casa Consistorial permanecen baleiros.
A Casa Consistorial acollía o Arquivo Municipal dende novembro de 1984. Alí acubillábanse unhas 3.000 caixas con documentación datada entre 1834 e 2017. De feito, custodiábase documentación cun enorme valor patrimonial como os libros de actas do Pleno do Concello dende 1834 a 2004, os libros de actas dos antigos concellos de Xeve, Salcedo e Ponte Sampaio, antes da súa incorporación ao Concello de Pontevedra; os libros de actas da Comisión Municipal Permanente, da Comisión de Goberno, da Xunta de Goberno Local, ou os padróns municipais de 1901 a 1965.
Tamén se trasladou documentación referente ao urbanismo da cidade, como o Planeamento urbanístico de 1950 a 1986, ou expedientes de obras dende 1960.
A concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, confirma que o traslado vai a favorecer unha mellor conservación da documentación ademais de ofrecer unhas instalacións máis acaídas para que os cidadáns poidan consultar os documentos dunha forma máis cómoda.
Un dos obxectivos do Arquivo é que os cidadáns poidan coñecer o seu pasado e o da súa cidade, favorecer os trámites administrativos, levar a cabo unha maior transparencia e, en definitiva, modernizar a administración.
TRASLADO DOS SERVIZOS DA CASA CONSISTORIAL
Esta reordenación das sedes do Arquivo municipal é froito da política de modernización das estruturas administrativas do Concello que emprendeu a concelleira Anabel Gulías nestes últimos dous anos. Dende onte o Arquivo conta con fondos no Edificio Froebel, no edificio municipal de Alfonso XIII e tamén nos baixos de Michelena, 30.
Ademais, debido ao próximo inicio da reforma da Casa Consistorial, é obrigado o traslado de todas as dependencias situadas neste edificio (Servizos técnicos e Arquivo) á Casa da Luz mentres duren os traballos. Se ben está previsto que unha vez que remate a reforma o equipo de técnicos volvan aos seus despachos en Casa Consistorial, a oficina de atención ao público do Arquivo Municipal permanecerá en Casa da Luz.
O traslado realizarase ao longo de febreiro xa que as obras poderán comezar no vindeiro mes ou en marzo. Até que se produza este traslado, a oficina de atención ao público do Arquivo municipal en Casa Consistorial permanecerá aberta, pero os fondos xa non están no edificio de Sesmero.
Relacionadas:
-
Así avanzan as obras do Casa Consistorial coa intención de que o pregón das Festas da Peregrina se lea desde o balcón
Por Juan Manuel García Tajes & Anxo Lourido |
-
Pontevedra depura o seu arquivo municipal para eliminar documentos sen valor histórico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Máis dun lustro de atraso no cambio de cuberta do Froebel mentres as pingueiras seguen a encher caldeiros no colexio
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
A rehabilitación da casa consistorial ascenderá finalmente a 1,36 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma da antiga Casa do Concello licitarase nun mes e estará rematada no 2022
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A carencia de espazo para escolares obriga ao Froebel a pedir a devolución da sede do Arquivo Municipal
Por Redacción |