"As macrogranxas son absolutamente incompatibles con un medio rural vivo"
Por Oskar Viéitez
Falemos de gandeiría, agora que xa se apagou a polémica xurdida por mor das declaracións críticas coas macroexplotacións intensivas realizadas recentemente polo Ministro de Consumo, Alberto Garzón, a un medio británico.
Na nosa Comunidade non existe ningunha granxa que supere as 850 unidades de gando maior. De feito, oito de cada dez explotacións bovinas en Galicia teñen menos de 50 animais e estas representan o 51% de todo o vacún de carne galego, 220.278 animais, segundo datos da Consellería do Medio Rural.
Segundo os datos oficiais do 2021, en Galicia a media de vacas por granxa son 18, o 90% dos cebadoiros teñen unha pequena dimensión para este tipo de instalacións e un funcionamento a escala familiar.
8.000 granxas están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña, en torno a 2.500; as áreas máis despoboadas e avellentadas, para as que esta actividade representa un motor económico e un factor de fixación de poboación imprescindible.
A produción maioritaria de carne de bovino e de ovino en Galicia é en extensivo, e a totalidade da produción con razas autóctonas. De feito, nestes anos no Consello Regulador de Ternera Galega non deixou de medrar a Ternera Galega Suprema, que a día de hoxe é a produción maioritaria no Consello Regulador.
Unións Agrarias asegura que a gandería de Galicia non supón un risco, nin medioambiental nin alimentario, "grazas á experiencia dos nosos produtores e o escrupuloso cumprimento do estrito marco normativo que rexe esta actividade".
Dende Unións Agrarias indican que "o sector cárnico en Galicia supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. Un territorio no que de non manterse as pradarías como cortalumes, o mato convertirase nunha bomba incendiaria forestal de imposible extinción. Zonas nas que a fauna salvaxe campará de xeito indiscriminado e descontrolado".
A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos aposta porque Ministerio e Xunta de Galicia se involucren na promoción dunha etiquetaxe diferenciada para a carne procedente deste tipo de granxas, fundamentais para a sustantabilidade do medio rural. E insta á administración autonómica a acompañar esta acción dunha campaña informativa que promova a calidade diferenciada da carne galega, en especial a de Ternera Gallega Suprema; e que restableza a confianza dos consumidores.
O Sindicato Labrego Galego é máis contundente e afirma que "as macrogranxas non son o modelo produtivo que queremos na nosa terra".
"As macrogranxas son absolutamente incompatibles con un medio rural vivo" di o Sindicato Labrego Galego, xa que, segundo argumentan, este tipo de explotacións "reduce biodiversidade, contamina solos e augas, acelera o despoboamento das zonas rurais e presenta un produto final ás persoas consumidoras que obvia por completo o benestar animal, elaborado en base ao emprego intesivo de antibióticos, fertilizantes e unha ampla gama de produtos químicos con forte impacto contaminante".
A contaminación de augas por nitratos asociada aos puríns da gandeiría industrial sen terra representa un grave perigo. A recente contaminación extrema do Mar Menor (Murcia), derivada da eutrofización por actividade agraria intensiva, evidenciou esta alarmante realidade a nivel estatal. A Universidade de Vigo fixo un estudo no ano 2020 aplicado á comarca ourensana da Limia e que concluíu que tres fontes naturais e máis da metade dos pozos analizados presentan contaminación por nitratos atribuíbeis á agricultura e gandaría intensivas, excedendo ademais algunhas mostras o límite legal permitido para outros elementos e compostos.
Precisamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de anular a licenza de ampliación dunha macrogranxa de polos vinculada á empresa Coren, no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, que duplicou o seu tamaño co visto e prace da Consellería de Medio Ambiente da Xunta.
A Sala do contencioso-administrativo do TSXG, nunha sentenza asinada en novembro pasado pero que se coñeceu agora, afirma que a Xunta vulnerou o seu dereito "á saúde, a intimidade persoal e familiar, a inviolabilidade do domicilio e o dereito para gozar dun medio ambiente adecuado".
O alto tribunal galego estima que a ampliación da explotación "comporta graves riscos polas emisións de po, partículas, cheiros e ruídos da actividade, emisións de amoníaco e enfermidades zoonóticas transmisibles aos humanos con consecuencias incalculables como estamos a ter a desgraciada oportunidade de comprobar cos efectos da covid-19".
Relacionadas:
-
Localizan unha vaca agonizando en Campo Lameiro á que lle roubaron o seu tenreiro
Por Redacción |
-
A construción e rehabilitación de vivendas en 2021 reduciuse un 14% na provincia
Por Redacción |
-
VIDEO.- Avicultores regalan 2.000 quilos de polo para protestar polo encarecemento dos custos de produción
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Frívola, indocumentada, enganosa e falaz", así califican os sindicatos galegos a campaña #MenosCarneMásVida
Por Oskar Viéitez |