O BNG de Moraña renova o Consello Local encabezado por Rubén Monteagudo e Lucía Silva
Por Redacción
O BNG de Moraña vén de renovar a súa dirección local nunha asemblea celebrada este pasado sábado.
A organización nacionalista aprobou a creación dun novo Consello Local conformado por seis militantes e encabezado de novo polo concelleiro Rubén Fernández Monteagudo, que repite como responsable local da organización, saíndo elixida como vicerresponsable local Lucía Silva Gago, veciña da Amil de 24 anos e estudante de dereito.
O resto da candidatura, que foi votada por unanimidade na asemblea, está conformada pola concelleira Mariña Búa como número tres e responsable de acción feminista e iniciativas políticas; Diego Oliveira Aboy como responsable das áreas de cultura e deporte, Marina Tilve Gallego como responsable de mocidade e asociacionismo local e Enrique Fernández Salgado pechando o novo Consello Local como responsable de coordinación do equipo de comunicación e redes sociais.
Marcos Suárez mantén a portavocía do grupo municipal nacionalista.