Sorprenden vinte personas de madrugada nun baixo da rúa San Nicolás
Por Alejandro Espiño
Tras semanas nas que non se detectaron incumprimentos das restricións aprobadas pola covid-19, a Policía Local desmantelou este sábado unha festa que se estaba celebrando de madrugada nun baixo da rúa San Nicolás, en pleno centro histórico.
Ata vinte persoas foron identificadas por participar nesta festa e foron propostas para sanción por reunirse sen ser conviventes e non respectar o toque de queda, activo en Galicia entre as tres e as seis da madrugada durante os xoves, venres e sábados.
Os axentes da Policía Local topáronse con esta festa, segundo informou este luns o goberno municipal, sobre 04:15 horas ao pasar co coche patrulla pola zona e advertir os ruídos que procedían do local, un antigo bar que xa non ten actividade.
As persoas que se atopaban no interior non foron capaces de abrir a porta cando chegaron os axentes e, segundo consta no atestado policial, tiveron que chamar a xente que estaba fóra para que permitisen o acceso ás forzas da orde.
A portavoz do executivo municipal, Anabel Gulías, aproveitou este suceso para facer un chamamento aos cidadáns porque asegura que "é responsabilidade de todos" loitar contra unha pandemia "que non rematou" e ante a que "non podemos baixar a garda".
En todo caso, Gulías destacou o bo comportamento que, nas últimas semanas, tiveron todos os pontevedreses á hora de cumprir coas restricións impostas pola Xunta de Galicia ante o avance dos contaxios na sexta onda da pandemia.