Félix Juncal sitúa en febreiro o comezo das obras da segunda fase do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción
As obras da segunda fase de rehabilitación do estaleiro da Banda do Río comezarán nas próximas semanas, logo de que a mesa de contratación propuxese este luns a Construcciones e Ingeniería Messi como empresa adxudicataria do contrato.
A empresa presentou a documentación requirida e levará a cabo a execución dos dous lotes no marco das subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra: o primeiro, de urbanización exterior e remate, consta dun importe de 44.533 euros; e o segundo, que consiste na musealización, de 57.615 euros.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, apunta que "é probable que a inicios de febreiro poidamos comezar con estas obras, logo de que se aprobe o contrato na Xunta de Goberno".
Estes traballos de musealización complementarán a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación "de alto valor patrimonial", segundo salienta o rexedor.
O estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro, atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións.
O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado.
A rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico previsto e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.
Ademais a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á diversificación das actividades realizadas no marco da pesca, cara actividades de turismo sostible e creación de emprego no sector turístico e cultural, a través do impulso de actividades de índole cultural e turística. Actualmente atópase en fase de rehabilitación.
Este proxecto compleméntase con outros como a rexeneración da contorna de Ermelo forman parte ou a inminente construción da Sala Arqueolóxica de Pescadoira, un proxecto este que se levará a cabo mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello.
Relacionadas:
-
Setembro inaugurará a nova vida do Estaleiro de Purro como museo mariñeiro
Por Redacción |
-
Estudan as ferramentas que serán musealizadas no Estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
Bueu aplicará o informe de accesibilidade sobre a Banda do Río elaborado por Xoán XXIII
Por Redacción |
-
Bueu abre o prazo de licitación para a musealización do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
Costas autoriza a segunda fase do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |