Reparan todo o mobiliario urbano e os camiños do ámbito do parque do Pontillón
Por Alejandro Espiño
Tras unha actuación que o propio alcalde definiu como "absolutamente necesaria", o ámbito do parque forestal do Pontillón do Castro, en Verducido, loce desde este martes un aspecto completamente renovado.
Nel, o Concello investiu uns 70.000 euros para reparar toda a contorna deste parque que, segundo recoñeceu Miguel Anxo Fernández Lores, estaba "deteriorado".
As actuacións incluíron a mellora de todo o pavimento de sabre da pista que rodea o parque, duns 4 quilómetros de lonxitude e que presentaba numerosas fochancas, a renovación do valado perimetral de madeira e a reparación de todo o mobiliario.
Esta rehabilitación do parque terá continuidade, garantiu o rexedor pontevedrés, coa renovación do parque infantil e co propio mantemento das zonas arborizadas, dentro do contrato no que tamén os parques da Tomba e A Fracha.
Fernández Lores defendeu que o Pontillón do Castro é un espazo natural "de altísima calidade" que visitan moitas familias ao longo do ano, polo que se deben acometer tarefas de mantemento como estas "cada certo tempo".