Caldas quere incluír o "pino manso" de Reirís no catálogo de árbores senlleiras
Por Redacción
O "pino manso" de Reirís, segundo os estudos técnicos, é unha árbore que tería uns 140 anos. Está situada nunha parcela municipal na que foi construído un miradoiro con balaustrada semicircular, que estes días está sendo obxecto de traballos de roza e limpeza.
Pero o Concello de Caldas, ademais destas tarefas de mantemento, quere aumentar a protección que ten esta árbore, un exemplar de máis de 40 metros de altura que é perfectamente visible dende a estrada nacional N-640 que une Caldas e Cuntis.
Así, decidiu poñer en valor toda a contorna desta árbore histórica, restaurará o miradoiro e retirará a sinalización que afea o conxunto. Tamén promoverá un estudo de caracterización global da árbore e do seu estado de conservación e das súas condicións biomecánicas e vitais.
En función dos resultados deste estudo, o Concello valorará a solicitude da súa incorporación ao Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, no que xa constan a araucaria angustifolia e a cunninghamia lanceolata do xardín botánico, así como todo o conxunto da carballeira.
Os traballos que se van a realizar, segundo o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, forman parte do programa de conservación do patrimonio natural e de protección das árbores históricas de Caldas, "evitando a súa perda ou degradación por falta de sensibilidade ou por podas excesivas e sen base científica".
O "pino manso" foi plantado no acceso á igrexa de San Andrés de César no último terzo do século XIX por Rosalío Gontad Ferro, xunto con outros dous que non se conservaron.
Este exemplar quedou danado polos efectos do ciclón Hortensia de 1984, no que se perdeu media copa, pero mantivo a súa vitalidade e hoxe segue presentando unha notoriedade indiscutible, froito da súa gran corpulencia e elevación.
Relacionadas:
-
Escolares de Caldas celebran o Día Forestal Mundial coa plantación de 400 árbores
Por Redacción |
-
Recuperan os montes de Caldas cun proxecto de compensación de carbono
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas realizará un estudo fitopatolóxico do chan da Carballeira
Por Redacción |
-
Caldas retira as plantas exóticas invasoras na contorna do Umia
Por Redacción |