Ingresado en Psiquiatría un veciño de Vilagarcía que ameazou cun coitelo a súa muller, ao seu fillo e a un axente da policía
Por Redacción
Un veciño de Vilagarcía foi inicialmente detido pola Policía Local e posteriormente ingresado na Unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial de Pontevedra despois de ter ameazado cun coitelo a súa muller e ao seu fillo e tamén a un axente da Policía que acudiu á vivenda familiar en resposta á chamada de socorro realizada polas vítimas.
Segundo informaron fontes oficiais do Concello de Vilagarcía, os feitos aconteceron ás 16.13 horas da tarde do martes, momento no que unha patrulla da Policía Local foi requirida para acudir ao piso da Rúa Vista Alegre na que se estaba a producir o incidente.
O home de 59 anos, que responde ás iniciais de F.R.G., foi quen abriu a porta aos axentes asegurándolles que alí non pasaba nada e accedendo voluntariamente a deixalos pasar ao interior. Unha vez dentro, os policías atoparon á muller e ao fillo maior de idade fechados nunha das habitacións onde se meteran para evitar ser agredidos. Comentaron que o home soía intimidalos e ameazalos cun coitelo, pero que ese día estaba máis alterado, polo que decidiron avisar á Policía.
Nese momento chegou á vivenda unha patrulla da Policía Nacional. Cando ían proceder a súa detención o home tratou de encerrarse nunha habitación, o que non puido facer ao impedilo un dos axentes nacionais interpoñendo unha perna entre a porta. O individuo respondeu atacándoo co coitelo, sen alcanzalo ao parapetarse o axente tras a porta. Maila isto, o home volveu a intentalo dúas veces máis, caendo ao chan na última intentona co empuxe da porta realizado polos axentes.
Na caída soltou o coitelo, situación que os axentes aproveitaron para inmobilizado. No transcurso da detención o home declarou que atacara ao axente porque quería que o matasen, que el quería morrer. Ao confirmarse que sufría de depresión, a patrulla da Policía Local trasladouno ao Hospital do Salnés e dende alí os facultativos ordenaron o seu ingreso na Unidade de Psiquiatría de Pontevedra.
Tamén se prestou apoio á muller e ao fillo a través dos Servizos Sociais municipais.
DELITO CONTRA A SEGURIDADE VIARIA
Por outro lado, na madrugada Deste mércores a Policía Local denunciou ao veciño de Carril M.N. H. N., de 19 anos de idade, por un presunto delito contra a seguridade viaria ao conducir superando a taxa máxima de alcohol permitida. Unha patrulla que circulaba pola praza Praza Doutor Carús foi quen interceptou ao condutor que, ao ver o coche policial, aparcara o seu vehículo nunha praza de estacionamento á que se achegou unha muller interpelándoo de forma reiterada, ao parecer por un tema de cartos.
Ante esta situación, os axentes interesáronse polo que estaba a acontecer e, ao preguntar ao home detectáronlle unha forte halitose alcohólica, polo que procederon a realizarlle o test de que dou 0,84 miligramos de alcohol por litro de aire respirado, moi por riba do máximo permitido que é do 0,35.