Pontenciencia pon en marcha os Obradoiros de Formación en Método Científico
Por Redacción
A Concellería de Educación porá en marcha o vindeiro mércores 2 de febreiro nos CEIP de Marcón e San Martiño (Salcedo) os Obradoiros de Formación en Método Científico.
Con estes obradoiros se inaugurará o programa de actividades deseñado no marco da ‘IX Feira da Miniciencia de Pontevedra: Pontenciencia 2022’, cuxa celebración está prevista para o venres 27 e o sábado 27 de maio na Escola de Enxeñería Forestal.
O proxecto está impulsado polo departamento que dirixe o socialista Tino Fernández en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) e o Ministerio de Ciencia, dentro da convocatoria de axudas para a promoción da cultura científica, tecnolóxica e da innovación.
A inciativa pretende ensinar a pensar e fomentar mentes curiosas, exploradoras e comunicativas a través da investigación.
A finalidade destes obradoiros é explicarlles a pais e alumnos como realizar unha investigación, o protocolo a seguir de maneira lóxica e organizada e como conseguir que os resultados sexan reproducibles e confiables. Ao mesmo tempo, pretenden facilitar a participación na feira e a comprensión e valoración persoal de outros proxectos.
Ata o momento xa reservaron data para a impartición destes talleres sete colexios do municipio: ademais dos CEIP de Marcón e San Martiño (mércores 2 de febreiro), os de Santo André de Xeve (venres 4 de febreiro), A Xunqueira II (martes 8 de febreiro), Ponte Sampaio (luns 14 de febreiro) e Plurilingüe San Benito de Lérez (mércores 16 de febreiro) e mailo CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (xoves 10 de febreiro) o IES Montecelo e o CEIP Plurilingüe Froebel.