Agustín Hernández aos traballadores de Elnosa: "ÿ sorprendente que non carguen contra o goberno local"
Por Diego Espiño
As críticas do persoal de Elnosa ao acordo entre empresa e Xunta para que a cloreira se traslade da súa actual situación en 2017 non sentaron moi ben ao conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.
Nunha visita ás obras de saneamento que se están a realizar en Cuntis, Hernández mostrou o seu malestar cos traballadores da fábrica, cualificando de "sorprendente" que o comité de empresa "cargue contra a Xunta e non cargue por exemplo contra os responsables do goberno local de Pontevedra ou PSOE e BNG, que están a solicitar o peche inmediato de actividade".
O conselleiro defende que a administración autonómica adoptou unha "decisión responsable" dándolle "unha estabilidade de tres anos" á empresa para garantir o traslado a unha situación dentro da comunidade galega e, a ser posible, dentro da bisbarra de Pontevedra.
Agustín Hernández entende que a prórroga da autorización ambiental mentres a empresa busca un terreo alternativo onde establecerse "é unha boa noticía para o emprego de Elnosa", por iso asegura que "non deixa de sorprender que o comité de empresa non valore ese esforzo do goberno da Xunta".