A hostalería de Marín debe renovar a súa licenza antes do día 31 se quere manter a súa terraza
Por Redacción
A posta en marcha da nova ordenanza de regulación da ocupación do espazo público por parte de veladores e terrazas da hostalaría de Marín obriga aos empresarios a renovar a súa licenza. Un trámite obrigatorio que ten que facerse a través da sede electrónica do Concello antes do 31 de xaneiro.
De momento, segundo informou a concelleira Marián Sanmartín, recibíronse 38 solicitudes. A edila popular explica que a documentación que se lles require agora para a tramitación da licenza “serviralles durante os próximos tres anos, sempre e cando non haxa un cambio na terraza. Durante estes anos, para renovar a licenza será abondo con presentar unha declaración responsable”.
Ademais, a concelleira lembra que con esta nova ordenanza permítese fraccionar en tres pagos esta taxa, que, tal e como lembra a concelleira, “comezará pagarse agora no 2022 despois de dous anos de exención total, unha medida que tomamos para facilitar as cousas a un sector que se viu especialmente afectado polas restricións sanitarias”.
Coa nova ordenanza aprobada en outubro do ano pasado, valorarase moito máis a estética das terrazas, coa finalidade de homoxeneizar o espazo público e loitar contra o feismo. Proporanse múltiples opcións dentro dunha mesma liña estética dos principais elementos de mobiliario: mesas, cadeiras, paraventos, parasois, toldos, toldos telescópicos…
Ademais, amplíanse os horarios de instalación e retirada das terrazas. A instalación ata agora era ás 9.00 durante a semana e ás 8.30 durante a fin de semana. Agora pasará a ser a partir das 8.00 todos os días. Sobre o peche, ata agora no inverno era á 1.00 durante a semana e ás 2.30 na fin de semana, e entre o 1 de abril e o 30 de setembro estes horarios ampliábanse ás 2.30 e ás 3.30 respectivamente. Coa nova ordenanza pasará durante todo o ano e todos os días ás 2.30, no caso dos bares e terán 30 minutos para a recollida.
Por outra banda, hai maior variedade nas medidas das mesas. Ata agora, considerábase que cada mesa ocupaba 2x2. Agora, os establecementos que teñan espazos terrazas máis reducidos poderán usar outras medidas para repartirse mellor e, no caso dos locales de restauración, tamén poderán colocar mesas máis grandes.
Dada esta novidade, o pago da taxa xa non será por unidades de mesa (calculábase 4 metros cadrados por cada unha), senón que será polos metros cadrados de espazo ocupado, incluindo os corredores que se crean entre as mesas, xa que non son un espazo que poida ser utilizado pola cidadanía.