Preocupación polo aumento dos ciberdelitos nunha provincia cada ano máis segura
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este venres a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos doce meses.
Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, o xefe do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, José Luis Ortiz, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz.
A comparativa anual do 2021 realizouse tendo en conta o ano 2019 e non o 2020, xa que esta anualidade foi anómala debido ao confinamento e outras medidas e restricións derivadas da situación sanitaria.
Tras estudar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, a subdelegada concluíu que “estes son, en liñas xerais, moi bos. A seguridade cidadá mellora, xa que a pesar do grandísimo incremento dos ciberdelitos, en especial os leves, que aumentaron nun 300 % durante os últimos doce meses, o total de infraccións penais nas principais cidades da provincia, isto é Vigo, Pontevedra, Marín e Vilagarcía, só se eleva nun 0,74 %, mentres que no resto do territorio rexístrase unha subida do 16 %”.
Tal e como explicou Maica Larriba “isto quere dicir que, no 2021, produciuse un descenso xeneralizado da maioría de delitos, sobre todo daqueles que máis preocupan á cidadanía, tales como os furtos, os roubos ou as agresións. Con todo, este descenso vese embazado por, como diciamos, o aumento da ciberdelincuencia”.
En relación aos ciberdelitos, púidose constatar que nos últimos meses este tipo de delitos xa non se producen de maneira exclusiva no ámbito urbano, senón que se dan en todo o territorio. Non obstante, aínda teñen máis incidencia nas grandes cidades da provincia, onde creceron nun 115 % durante o ano pasado, fronte ao 70 % de subida experimentado no resto do territorio. Por meses, os axentes detectan un incremento das estafas en Internet durante outubro, novembro e decembro e un descenso durante a temporada estival.
Para facer fronte a este problema, desde o Goberno impulsáronse os equipos arroba, equipos da Garda Civil especializados na resolución deste tipo de delitos cuxas investigacións son a miúdo moi complicadas. A provincia conta desde outubro con varios grupos desta índole. Uns esforzos que se suman, tal e como explicou Larriba, ao labor de prevención e educación que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia levan a cabo a través do Plan Director nos centros educativos e outros espazos co obxectivo de concienciar á poboación sobre os principais perigos da internet.
Atendendo á tipoloxía de delitos, os roubos con violencia en vivendas rexistraron un dos maiores descensos, caendo nun 50 % nos últimos doce meses. Os roubos en vivendas, pola súa banda, reducíronse nun 20 % e os roubos en establecementos, nun 60 %.
No último ano, os furtos descenderon nun 25 %. Tamén o fixeron as subtraccións en vehículos, que caeron un 20 % e as subtraccións de vehículos, que se reduciron un 35 %. En definitiva, explicou Larriba, “o descenso é xeneralizado na maioría de delitos que atentan contra a seguridade cidadá”.
Ademais, engadiu, “o gran labor que desenvolven Policía Nacional e Garda Civil queda patente no índice de resolución de delitos, que no caso daqueles graves, é superior ao 50 %, e no caso dos delitos leves sitúase ao redor do 30 %. Unhas cifras similares ás do 2019 e que evidencian o bo e importante traballo que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na nos provincia”.
En relación ás agresións sexuais, estas víronse reducidas nos últimos 12 meses nun 27 %. Con todo, o resto de delitos contra a liberdade sexual experimentaron un ascenso do 20 %.
En relación ás cifras globais rexistradas nas catro principais cidades da provincia, cabe destacar o descenso das infraccións penais rexistrado en Pontevedra, de case nove puntos. A maior baixada, detéctase nos roubos en vivendas e establecementos, que descenderon nun 72 % e no caso dos furtos e substraccións en vehículos e de vehículos, que baixaron un 36%.
En Vilagarcía, o aumento das infraccións penais é do 6,6 %, unha cifra que tamén vese influída negativamente polo aumento dos ciberdelitos. Con todo, o resto de indicadores descenden: os roubos en vivendas e establecementos ata un 48 % e os furtos e subtraccións de vehículos e en vehículos, un 21 %.
Relacionadas:
-
RADIO.- Todos estamos expostos, así que 'ConéctaTEC' que falamos de timos que chegan a través das tecnoloxías
Por Redacción |
-
O novo comisario da Policía Nacional márcase como reto atallar a ciberdelincuencia e confirma un "pequeno descenso"
Por Natalia Puga |
-
As 'ciberestafas', un fenómeno "en auxe" en Pontevedra: creceron máis dun 200% desde 2019
Por Redacción |
-
Investigan un cidadán estranxeiro por unha estafa de 3.300 euros a un veciño de Ponte Caldelas
Por Oskar Viéitez |
-
Identifican dous homes por varios furtos de licores e roupa
Por Oskar Viéitez |
-
Ciberdelincuencia, violencia de xénero e trapicheo, retos por diante dos novos comisarios de Vilagarcía e Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |