2021 pechouse coa doazón de once órganos e nove tecidos na área sanitaria
Por Redacción
A Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou durante 2021 un total de once órganos doados e nove tecidos. José Luis Martínez Melgar, coordinador do departamento no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, sinala que se detectaron cinco doantes reais, que permitiron xestionar estes elementos.
Na recepción clínica de doazóns multiorgánicas rexistráronse doazóns de oito riles, oito córneas, tres fígados e un tecido óseo. O perfil dos doantes é diverso, segundo indican desde a área sanitaria. Un 20% foron menores de 65 anos, mentres que un 20% correspondíase a persoas entre 65 e 74 anos. O 60% restante eran doantes maiores de 75 anos. En total, tres homes e dúas mulleres.
Debido á idade dos doantes rexistrouse un menor número de extraccións de órganos torácicos. En dous casos desestimáronse por contraindicacións médicas.
Outro dato salientable durante o 2021 atópase en que doantes potenciais da área sanitaria non puideron confirmarse como doantes reais por presentar negativas familiares, en dous casos, e noutro por fracaso de mantemento.
Segundo indican desde a Oficina de Coordinación de Transplantes, a casuística provocada pola pandemia do coronavirus provoca a perda de captación dalgúns pacientes potencialmente doantes do mesmo xeito que a situación de alta carga asistencial que asumen os hospitais de toda Galicia.
Esta Oficina asume a detección de posibles casos de pacientes cunha evolución clínica susceptible de derivar nunha morte cerebral, que situaría a estas persoas como candidatos a realizar a doazón. Tras realizar un estudo, a Oficina de Coordinación de Transplantes da área Sanitaria serve como ligazón coa Organización Nacional de Transplantes e inícianse os procedementos necesarios para coordinar a todos os servizos que interveñen no proceso de extracción de órganos e tecidos.
Máis de vinte profesionais participan neste traballo no Complexo Hospitalario de Pontevedra. A Oficina de Coordinación, que se encarga de manter ao doante nas condicións óptimas para a extracción, está formada por tres facultativos, dous profesionais de enfermería e persoal auxiliar, celadores e profesionais de diferentes áreas como Cirurxía, Neuroloxía, Neurofisioloxía, Oftalmoloxia, Radioloxía, Análises Clínicas, Microbioloxía e Anestesioloxía e Reanimación; ademais de persoal facultativo e de enfermería da Unidade de Coidados Intensivos, que é o servizo onde se xeran os potenciais doantes.
Relacionadas:
-
A negativa familiar, a "batalla de todos os días" na doazón de órganos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Inauguran no Provincial unha exposición de carteis sobre a doazón de órganos realizados por escolares
Por Redacción |
-
Máis de 13.000 galegos están rexistrados como doantes de medula ósea
Por Oskar Viéitez |
-
A área sanitaria xestionou a doazón de 12 órganos e tecidos durante o 2020
Por Redacción |