O Coche de Punto comeza a súa fase de probas resolvendo as primeiras incidencias detectadas
Por Redacción
O Coche de Punto iniciou este luns, de xeito oficial, a súa fase de probas. Os usuarios en probas, un total de trinta, xa teñen acceso á aplicación que lles permitirá xestionar as súas viaxes a demanda.
Nestes primeiros pasos da plataforma de coche a demanda, foron detectadas algunhas incidencias que xa foron resoltas polo equipo responsable da aplicación.
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, mantivo este luns unha reunión cos técnicos municipais e a empresa xestora do servizo e da aplicación, para comprobar a resolución desas incidencias.
Unha delas era a petición obrigatoria de correo electrónico para poder usar a aplicación. "Podía resultar un problema para a xente maior que non sempre ten un gran manexo coa tecnoloxía", explicou Gómez. Na procura dunha maior accesibilidade, agora a aplicación non solicitará este dato, e confirmará a alta no servizo a través dunha mensaxe de audio no teléfono móbil da persoa que a solicite. Trátase dunha chamada automática, moi semellante á doutros servizos públicos, como pode ser a do Sergas para as citas da vacinación. "Cremos que esta é, en principio, o xeito máis áxil e accesíbel de confirmar a alta", explica o edil.
Doutra banda, a segunda incidencia detectada tivo que ver cos taxistas e a formación recibida nos últimos días. Ao funcionar o servizo cunha tecnoloxía baseada en Google Maps, este pode non ser preciso ao cen por cen en segundo que puntos das parroquias pontevedresas. A aplicación xa tiña isto en conta, e posúe unha IA de aprendizaxe continuo, o que permitirá ir mellorando o servizo e o algoritmo que este usa para xeolocalizar as peticións co tempo e os servizos prestados. Na práctica, nestes primeiros compases, o taxista poderá ter unha comunicación directa co solicitante, en base ao teléfono, para poder recibir indicacións máis concretas e efectivas en caso de precisalas, para así chegar ao lugar exacto.
Relacionadas:
-
O coche de punto poñerase en marcha antes da primavera do 2023
Por Raquel Currás Martínez |
-
Pontevedra xa proba o 'coche de punto' para poder "pulir" todo o sistema
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A veciñanza de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio participará nas probas do 'Coche de punto'
Por Redacción |
-
O transporte a demanda será o "coche de punto" e iniciará as súas probas o 31 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |