O BNG convoca unha concentración en defensa do PAC de Caldas
Por Redacción
O BNG convocou a toda a veciñanza e a todas as forzas políticas e sociais dos concellos afectados a participar na concentración en defensa do Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas que terá lugar o vindeiro domingo, día 6 de febreiro, ás 12 da mañá diante do centro de saúde, na rúa Román López.
O BNG sinala que a Xunta deixou ao PAC de Caldas sen un facultativo en horario de tarde de luns a venres. Co novo Plan Funcional o servizo de urxencias extrahospitalarias queda cun só profesional médico para atender ás máis de 21.000 persoas dos concellos de Caldas, Portas, Moraña e Cuntis, "e sen nengún cando este único médico teña que facer unha saída, algo que se produce con certa frecuencia".
"Con estas decisións irresponsables", afirmou o portavoz municipal do BNG, Manuel Fariña, "o SERGAS está a someter ao persoal sanitario a maiores cotas de traballo e estrés, a incrementar a presión nas urxencias hospitalarias e a derivar cada vez máis persoas á sanidade privada, verdadeira razón non confesada das políticas de recortes levadas a cabo pola Xunta de Feixóo".
Para os nacionalistas é necesario repoñer xa o segundo médico, e dotar ao PAC de dous equipos completos, "pero diante da cerrazón da Xunta, será precisa a mobilización social" e animou tamén ao PP a participar nesta protesta, porque "canta máis forza fagamos, máis pronto teremos unha solución".
Relacionadas:
-
Alertan da "precariedade" da atención no centro de saúde de Cuntis, que o venres quedou sen médico
Por Redacción |
-
Protesta para denunciar o bloqueo que exerce a xerencia da área sanitaria sobre os representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Convocan para o 13 de febreiro unha nova protesta en Marín "por unha atención primaria digna"
Por Redacción |
-
A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública denuncia a situación do consultorio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |