Ameaza os clientes dun pub, "vouvos matar, vouvos liquidar", e crava a un deles unha xiringa
Por Natalia Puga
O pub Melody do Paseo de Colón foi escenario na madrugada do mércores ao xoves de varios incidentes que causaron grande alarma entre a clientela.
Despois dunha primeira pelexa sobre as dúas da madrugada, ás catro cobrou maiores dimensións e un home sacou unha xiringa e comezou a ameazar os clientes logrando cravarlla a un deles nun ombreiro, á vez que profería ameazas de morte: "Vouvos matar, vouvos liquidar".
O home, de 32 anos e veciño de Pontevedra, ten antecedentes policiais e foi detido pola Policía Nacional como presunto autor dos delitos de desobediencia e ameazas graves cunha xiringa manchada de sangue. Tras pasar a disposición xudicial, quedou en liberdade con cargos.
Segundo informou a Policía Nacional, sobre as 2.25 horas recibiuse unha chamada na central da Comisaría alertando dunha liorta no Paseo de Colón. O encargado do local relatou aos axentes policiais que instantes antes se iniciara unha discusión entre clientes que dexenerou en pelexa. Todo porque algúns clientes empezaron a fumar dentro do local e outros lle recriminaron esta actitude.
Dúas horas máis tarde, os individuos que orixinaran o altercado anterior regresaron ao local. A Policía Nacional entrou e observou unha forte liorta entre varios individuos, un deles cunha ferida nunha cella que se resistía aos requirimentos dos axentes. Ao parecer, instantes antes tería accedido de xeito agresivo e ameazante ao local proferindo improperios contra os alí presentes.
Nun momento dado, e segundo as testemuñas, protagonizou a agresión coa xiringa e insultos referidos. Os axentes identificaron a todas as persoas implicadas e detiveron o autor das ameazas, ao que incautuaron a xiringa.