O ladrón das 'coca colas', en liberdade de novo tras un historial de 15 detencións por roubar comida e bebida
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Na madrugada do domingo ao luns a Policía Nacional detivo nas inmediacións da rúa Michelena a un home que levaba encima dúas caixas de latas de 'coca cola'. Presuntamente acababa de roubar no almacén do bar 'Quiosco' da Praza da Liberdade e intentaba vender a mercancía roubada nalgún establecemento. Tras este arresto, o xulgado deixouno en liberdade e saíu á luz o seu historial delituoso. Acumula xa en Pontevedra 15 detencións.
Os arrestos que se lle atribúen a este pontevedrés de 41 anos son practicamente todos resultado dun roubo de alimentos e bebidas á forza en establecementos de hostalería e levárono xa ao cárcere. De feito, acaba de saír dun breve periódo entre reixas logo da última onda de roubos cometida o pasado verán.
Na Praza da Liberdade cometeu supostamente catro destes roubos, todos eles no mesmo establecemento, de modo que os seus responsables xa tomaron medidas. Este martes estaba no bar 'Quiosco' Antonio, o responsable da empresa que foi reparando nos últimos meses os danos presuntamente provocados polo detido nas placas de alumino do almacén situado nun lateral.
Agora, foron máis aló e renovaranse todas as placas "para que le sea imposible forzarlo más". Pois Miguel Hipólito Pieras, o encargado, está xa cansado das 'sorpresas' que lle dá este ladrón. Actúa de noite, forza o almacén e leva parte da mercancía, fundamentalmente refrescos, cervexas, viños e licores.
Similar botín levouse nalgúns dos seus roubos máis soados na cidade. En 'La Tienda de Clara' o 17 de setembro levou unha 'compra' un pouco máis sofisticada, na que había xamóns, polbo, raxo, hamburguesas e comida conxelada en xeral tras entrar a través dun oco que fixo na uralita do tellado. O teito de uralita tamén fora o seu medio de entrada no Cash Galicia da rúa Fernández Ladreda o día anterior.
En xullo fora pillado in fraganti cando intentaba romper o escaparate dun establecemento de alimentación da rúa Serra utilizando uns calcetíns a modo de luvas para non deixar pegadas e tamén como suposto autor doutro roubo no que levou o seu material predilecto, comida. Nesta ocasión, substraeu dun camión dous sacos de patacas de 10 e 20 quilos, un carriño de mercancía, un saco de cebolas de 15 quilos, 28 latas dunha bebida e 24 botellíns doutra bebida.
Relacionadas:
-
Detido por roubar por cuarta vez en tres meses no mesmo bar
Por Natalia Puga |
-
Fura os tellados de dous locais para roubar polbo e cartos do seu interior
Por Oskar Viéitez |
-
O ladrón das luvas de calcetíns
Por Natalia Puga |
-
Detido por roubar patacas, bebidas e cebolas dun camión de repartición
Por Natalia Puga |