A CIG mobilízase simultaneamente nas principais cidades galegas contra a reforma laboral
Por María José Pita
"Compañeiros, compañeiras, esta reforma é un fraude que o único que fai é consolidar o retroceso para as traballadoras e os traballadores das reformas xa iniciadas polo PSOE no 2010 e do PP no 2012". Estas palabras eran pronunciadas por Diana Rodríguez, secretaria comarcal de CIG-Servizos, no marco da protesta convocada polo sindicato ás portas da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e coincidindo neste xoves 3 de febreiro co debate no Congreso dos Deputados da reforma laboral impulsada polo Goberno central.
Unhas 200 persoas manifestaban o seu rexeitamento a esta nova reforma laboral entoando diferentes lemas: "as súas reformas, a nosa pobreza", "traballo digno pra nosa terra", "nin pacto social, nin reforma laboral", "reforma laboral, reforma das pensións, esiximos derrogación", "servizos públicos e de calidade", "contra o Goberno, contra a patronal, loita obreira, acción sindical" ou "o público é servizo, o privado beneficio".
Diana Rodríguez explicaba que con esta concentración, que o sindicato CIG realiza simultaneamente nas principais cidades galegas e que continúa a liña da manifestación multitudinaria do pasado domingo, queren denunciar que a reforma laboral que se está a debater no Congreso perpetúa os abusos das anteriores reformas, do 2010 co PSOE e do 2012 co Partido Popular.
En concreto, denuncian "problemas de eventualidade, de fraude e de precariedade que agora mesmo existe para toda a clase obreira, sobre todo, nomeadamente, a toda a clase obreira galega" e que a nova reforma laboral non corrixe, e que se manteñen as facilidades para a patronal para o "descolgue dos convenios colectivos, imposición de ERTEs e facilidade e abaratamento do despido".
Ademais, dende a CIG queren "esixirlle a todas as forzas soberanistas e de esquerdas para que non den un paso atrás e se consolide esta reforma". Rodríguez lembraba que o compromiso do Goberno central era a derrogación da última reforma e finalmente non foi cumprido. "Por que PSOE e Unidas Podemos non cumpren o seu acordo de goberno, cando teñen a maioría social e parlamentaria suficiente para facelo? Por que non se atreven a derrogar a reforma laboral?".
Así mesmo, critica "unha nova renuncia de Comisión e UGT a exercer de sindicatos de clase vendendo unha vez máis, e xa van moitas, á clase traballadora".
A secretaria comarcal de CIG-Servizos sinalaba que nos dez últimos anos o seu sindicato convocou dúas folgas xerais, un extremo ao que agardan non ter que chegar. En todo caso, si anuncia que continuarán coas mobilizacións.
Relacionadas:
-
Chamado da CIG para a mobilización do un de maio "laboral pero tamén con compoñente social"
Por María José Pita |
-
Meijón fala do intento de "tamayazo" na aprobación da Reforma Laboral "foi algo vergonzoso, escandaloso e patético"
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- A CIG mostra na rúa o seu malestar coa reforma laboral: "Perpetúa o peor de todos os recortes"
Por Diego Espiño |
-
Volven as protestas contra a reforma das pensións ás rúas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Protesta da CIG contra os ERTEs no sector da automoción
Por Redacción |