Adxudicado o contrato para as obras de mantemento nos 22 colexios de Pontevedra
Por Redacción
A Mesa de Contratación celebrada este xoves 3 de febreiro no Concello de Pontevedra adxudicou ás empresas 'Actividades de construcción, edificación y viales SL' e 'Planificación, desarrollo y gestión de construcciones SA' o contrato para realizar as obras de mantemento dos colexios públicos de Educación Infantil e Primaria e as garderías do municipio.
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, explica que o seu departamento destinou "unha achega económica de 661.157,04 euros a esta contratación, realizada en dous lotes diferenciados, centros educativos da zona Norte e centros da zona Sur, e que, á hora de adxudicarse, tivo en conta criterios como a organización do servizo, o prazo de resposta ante as necesidades ou o procedemento de seguimento e trazabilidade dos traballos".
O mantemento dos colexios do lote 1, os que están ubicados ao norte do termo municipal, foille adxudicado a 'Actividades de construcción, edificación y viales SL', e o dos centros escolares do lote 2, situados ao sur do termo municipal, a 'Planificación, desarrollo y gestión de construcciones SA'. Ambas empresas dispoñen dun prazo de sete días hábiles, a partir do día seguinte a aquel en que se reciba a notificación do acordo da Mesa de Contratación, para achegar a documentación prevista no prego de cláusulas que rexe o contrato, entre as que se atopa a constitución da garantía definitiva correspondente ao 5% do orzamento base de licitación do lote que corresponda. A partir de aí, a proposta poderá levarse xa á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación. A duración do contrato esténdese ata o ano 2024, incluído, contemplándose a posibilidade dunha eventual prórroga a partir de 2025.
A relación dos colexios situados ao norte do termo municipal de Pontevedra e que constitúen o lote 1 é a seguinte: CEIP Froebel, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Xunqueira I, CEIP Xunqueira II, EEI Fina Casalderrey, CEIP Marcos da Portela, CEIP Parada Campañó, CEIP Santo André de Xeve, EEI Verducido, CEIP San Bieito de Lérez e EEI Monteporreiro.
O lote 2, correspondente aos colexios situados ao sur do termo municipal de Pontevedra, está formado por os seguintes centros: CEIP Álvarez Limeses, CEIP Campolongo, EEI Crespo Rivas, CEIP Praza de Barcelos, CEIP San Martiño-Salcedo, CEIP Cabanas-Salcedo, CEIP Carballeira-Lourizán, CEIP Ponte Sampaio, CEIP Vilaverde-Mourente, CEIP Marcón e EEI A Parda.
Relacionadas:
-
Máis dun lustro de atraso no cambio de cuberta do Froebel mentres as pingueiras seguen a encher caldeiros no colexio
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
O PSOE pide no Parlamento a reforma do colexio Froébel
Por Redacción |
-
O CEIP Daría González será reformado cun investimento total de 1,8 millóns de euros
Por Redacción |
-
A renovación dos parques infantís dos colexios A Xunqueira I e Marcón ascende a case 70.000 euros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Pontevedra pregunta á Xunta quen asume a limpeza e desinfección dos colexios durante este curso
Por Oskar Viéitez |
-
A concelleira de Educación analiza con técnicos da Xunta o proxecto de mellora pendente no CEIP Viñas
Por Redacción |