Meijón fala do intento de "tamayazo" na aprobación da Reforma Laboral "foi algo vergonzoso, escandaloso e patético"
Por Oskar Viéitez
O secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra, David Regades, valorou o 14% de contratos indefinidos na provincia en xaneiro como o "primeiro síntoma do avance social que trae a Reforma Laboral".
Regades considera que "hoxe é un día de felicidade" despois da convalidación por parte do Congreso da Real Decreto Lei da Reforma Laboral, en vigor desde comezo deste ano.
O secretario xeral provincial compareceu este venres en rolda de prensa acompañado polos deputados Guillermo Meijón e Olga Alonso e a senadora Marica Adrio, para destacar os "avances en materia laboral" do Goberno presidido por Pedro Sánchez, "que en só tres anos fixo posible que haxa máis emprego, mellores salarios e menos precariedade tanto na provincia, como en Galicia e tamén en España".
Guillermo Meijón subliñou que só pola recuperación da ultraactividad dos convenios colectivos xa valería a pena apoiar esta reforma e volveu reivindicar o avance da supremacía dos convenios sectoriais sobre os de empresa.
Á mantenta do sucedido este xoves no Congreso, onde dous deputados de Unión do Pobo Navarro (UPN) cambiaron o voto despois de comprometer o seu apoio, Guillermo Meijón cualificouno como "intento de tamayazo".
"Non só traizoaron aos partidos cos que negociaran, senón ao seu propio partido; foi algo vergonzoso, escandaloso e patético", dixo Meijón que tamén criticou a actitude das forzas progresistas "que se puxeron de perfil", entre elas o BNG e revelou que "cando nun primeiro momento parecía que se derrogaba o Decreto Lei tiñan cara de espanto, coma se estivesen a pensar: que fixemos!".
Pero o deputado foi especialmente duro co Partido Popular por poñer en cuestión o resultado da votación por mor do "erro humano, que non informático" dun deputado do PP, aínda que expresou as súas dúbidas sobre a "verdadeira intención" do sentido do voto deste deputado.