Investigan a caída dunha muller desde un segundo piso, un suceso polo que detiveron á súa parella
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes da Policía Nacional detiveron este mércores a G.S.M., un veciño de Pontevedra de 47 anos, como presunto autor dun delito de violencia de xénero e investiga os feitos que rodearon, na última madrugada, a caída da súa parella pola fiestra dun edificio. A muller foi localizada tirada na rúa Víctor Said Armesto, a escasos metros da Praza de Touros, e relatou que o seu mozo a empurrara dende a fiestra do segundo piso, no que viven, mentres que el sostén, na súa primeira versión dos feitos, que ela se tirou por si mesma.
A muller, de 35 anos e de orixe brasileira, encóntrase ingresada na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo con diversas fracturas, de mandíbula e nun brazo, entre outras segundo informaron fontes sanitarios. O seu prognóstico é menos grave e non se teme pola súa vida, pero permanecerá varias horas en observación.
O suceso aconteceu contra ás 6.30 horas deste mércores. Tras recibir varias chamadas veciñais por unha presunta rifa de parella, a Policía Nacional acudiu ao edificio número 7 da rúa Víctor Said Armesto e, ao chegar, a patrulla atopouse unha muller ferida e tirada no medio da rúa. Entrevistáronse con ela e relatoulles que o seu noivo a tirara pola ventá dende o segundo piso.
Os axentes pediron a presenza dunha ambulancia e a muller foi trasladada a Montecelo, mentres unha dotación subía ao segundo piso para entrevistarse co noivo da lesionada. Nun primeiro momento, o home negouse a abrir a porta aos axentes, pero finalmente puideron entrar e, tras entrevistarse con el, procederon á súa detención.
O home, G.S.M., foi trasladado aos calabozos da Comisaría e, segundo transcendeu, asegurou que non tirara á súa parella. Fontes policiais confirmaron que ten antecedentes policiais, pero non por violencia de xénero, a suposta vítima nunca o denunciara. Está previsto que este xoves sexa posto a disposición do Xulgado de Garda.
Fontes veciñais confirmaron que empezaron a sentir unha forte discusión entre a parella sobre as 5.00 horas da madrugada e unha hora máis tarde algún veciño alertou ao 112. Segundo transcendeu, nesta ocasión, o motivo da discusión foi económico, pero era habitual que a parella se berrase, pois ten unha relación supostamente conflitiva con fortes discusións en distintos momentos do día.
Así, unha veciña da rúa asegura que mesmo hai un mes foi necesario chamar a Policía porque estaban a pelexar en plena rúa e ela rematou no chan. Nesta ocasión, a maioría dos veciños non sentiron a discusión que se produciu dentro do piso, pero si causaron moito balbordo na veciñanza os berros da muller cando estaba tirada no chan. "Ayuda, casi me mata", aseguran que dixo.
Relacionadas:
-
O acusado de intentar matar a súa parella tirandoa pola fiestra deféndese alegando que ela caeu soa
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A xuízo por intentar matar á súa parella tirándoa dende un segundo piso en San Roque
Por Redacción |
-
Continúa na UCI a muller presuntamente arroxada pola fiestra pola súa parella
Por Natalia Puga |