O tecido social de Poio amosa a súa vitalidade
Por Redacción
O Centro Cultural Xaime Illa Couto, na parroquia de Raxó, acolleu este venres 4 de febreiro a segunda das sesións correspondentes ás Xornadas en Común. Esta iniciativa está impulsada pola Concellería de Participación Veciñal, dirixida por Silvia Díaz (Avante Poio), e dirixida ao tecido colectivo do municipio.
Esta convocatoria dá continuidade á celebrada inicialmente o pasado verán no Pazo de Besada e serve "para continuar traballando en acadar obxectivos como a posta en valor do labor que realizan as agrupacións de Poio, así como na promoción e difusión dos eventos, proxectos e iniciativas que desenvolven as asociacións, ao tempo que optimizamos a Rede de Espazos Municipais", indica Díaz.
CURSOS FORMATIVOS
Por outra banda, esta semana o Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán, acolleu a celebración de cursos formativos que desde o departamento dirixido por Silvia Díaz se puxeron a disposición de membros de directivas de preto de 40 asociacións locais deportivas, comerciais, culturais, medioambientais ou de igualdade, entre outras.
Pautas de xestión e financiamento, creatividade, asesoramento sobre deseño de proxectos ou a realización de trámites a través de Sede Electrónica son algunhas das temáticas que se tratan a través desta iniciativa.
DOAZÓN DA ASOCIACIÓN EMPRESARIAL EN POIO
A Asociación Empresarial EnPoio volve a implicarse de xeito altruísta á hora de axudar ás familias con menos recursos económicos do municipio. Representantes do colectivo local fixeron entrega á edil de Servizos Sociais dun cheque por valor de 600 euros, que se destinarán ao Fondo de Emerxencia Social, básicamente se investirá no pago de alugueres, facturas ou compra de alimentos e outros produtos de primeira necesidade.
REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN VECIÑAL
Os catro grupos da Corporación Municipal (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular) participaron na mañá deste venres nunha Xunta de Portavoces que foi convocada para continuar traballando na aprobación da futura Asamblea de Participación Cidadá, así como do Consello de Participación Veciñal.
Relacionadas:
-
O Consello de Participación Veciñal de Poio constituirase o martes 22 de novembro
Por Redacción |
-
A veciñanza de Poio xa pode facer alegacións ao Regulamento de Participación Cidadá
Por Redacción |
-
Cancelan o desfile e os enterros tradicionais do Entroido en Poio
Por Redacción |
-
Organizan cursos de formación específica para o tecido asociativo de Poio
Por Redacción |