O Concello non desbota reclamar nos tribunais que a Xunta asuma os gastos provocados pola pandemia
Por Alejandro Espiño
Algo máis de 130.000 euros será o gasto que deberá asumir o Concello de Pontevedra, entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño, para custear os traballos de limpeza e desinfección dos colexios do municipio, dentro do protocolo de actuación derivado da pandemia.
Farao a través dun contrato que se licitou polo procedemento de emerxencia. "Esperabamos que non fora necesario pola situación actual da pandemia pero temos que facelo", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Durante estes case dous anos convivindo coa covid-19, lembrou a edil do BNG, o Concello "puxo todos os recursos que tiñamos enriba da mesa" para financiar todo tipo de gastos relacionados coa pandemia, a pesar de que "non era a nosa competencia".
Gulías volveu a denunciar, en nome de todo o executivo municipal, que Pontevedra, do mesmo xeito que o resto de concellos galegos, "asumimos moito máis gasto" sen recibir ningunha asignación por parte da Xunta que, no seu caso, si recibiu dos Estado fondos extraordinarios.
Por iso é polo que o Concello volvese a reclamar "insistentemente" que estes gastos non deben ser soportados pola administración municipal, xa que iso redunda nunha "merma" da capacidade dos concellos para prestar servizos aos seus cidadáns.
Ante a negativa da Xunta a financiar estes gastos, ao entender que si son competencia dos concellos, como recollen nun escrito remitido a Michelena 30 tras unha primeira reclamación, os servizos xurídicos do Concello están a estudar os pasos para seguir.
Ademais de fundamentar unha nova reclamación ao goberno galego, Anabel Gulías acabou recoñecendo que "pediremos de novo o reintegro de eses cartos" e engadiu que, en caso dunha nova negativa, "o seguinte paso" será acudir á vía xudicial.
O Concello asegura que "non queremos chegar a ese punto", polo que confían que a Xunta atenda as queixas presentadas por Pontevedra e accedan, polo menos, a compartir eses gastos.