Convocada para o 18 de febreiro a marcha a Marín para pedir a adscrición de Ence á Autoridade Portuaria
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Xa se fixo pública a data da manifestación que a sección sindical de Comisións Obreiras, o sector forestal e empresas auxiliares organizan para demandar a adscrición dos terreos que actualmente ocupa a fábrica de Ence en Lourizán ao Porto de Marín, co obxectivo de garantir a continuidade da empresa nas actuais instalacións. A cita será o venres 18 de febreiro.
Segundo o comunicado que se trasladou ao persoal da factoría faise un chamamento a empresas auxiliares e a empresas do sector forestal e loxístico que se poidan ver afectadas ante un posible peche da empresa pasteira, que está pendente dos recursos presentados ante o Tribunal Supremo despois das tres sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga.
A marcha iniciarase ás 11.00 horas do día 18 nas inmediacións do control de acceso á fábrica, tal e como consta no comunicado publicado en Twitter por Empresas Auxiliares de Ence este martes. O persoal que participe trasladarase pola antiga estrada entre Pontevedra e Marín (PO-546), pola marxe dereita da vía pública e cunha distancia de dous metros entre os manifestantes. Unha vez que chegue á rotonda da avenida de Marín, a mobilización desenvolverase polo interior do recinto da Autoridade Portuaria.
Á altura do edificio administrativo das instalacións procederase á lectura dun manifesto esixindo a continuidade de Ence na ría de Pontevedra.
No comunicado demándase a asistencia con roupa de traballo, chalecos amarelos e material acústico para chamar a atención durante a protesta. O sindicato reclama a maior asistencia posible de traballadores "xa que a defensa do traballo aféctanos a tod@s".
Esta acción tamén ten como finalidade agradecer á dirección da Autoridade Portuaria, organismo que preside José Benito Suárez Costa, que solicitase ao Goberno central a adscrición dos terreos co obxectivo de ampliar o espazo para a actividade portuaria.
Relacionadas:
-
Cancelan a marcha desde Ence ao Porto de Marín deste venres debido á traxedia do 'Villa de Pitanxo'
Por Redacción |
-
Protesta de Ence nas rúas de Pontevedra: "Todos somos Ramiro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Convocan unha protesta este venres para pedir a Lores a retirada da denuncia contra o traballador de ENCE e unha nova reunión da Mesa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
CCOO convocará novas protestas para forzar a adscrición dos terreos de ENCE ao Porto de Marín
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras pecha filas co traballador de Ence ao que piden un ano de cárcere polas protestas no Concello
Por Manu Otero |
-
A Autoridade Portuaria pedirá a adscrición dos terreos de Lourizán "con ou sen ENCE" e incluíndo os de Elnosa
Por Oskar Viéitez |