O perruqueiro de La Roja analizará as últimas tendencias estéticas en Pontevedra
Por Natalia Puga
Ramiro Fernández é profesor de Peiteado Psicoestética, autor de varios libros e, a súa faceta máis coñecida, perruqueiro da Selección Española de Fútbol. Este mes de novembro trasmitirá as súas experiencias asesorando os futbolistas de La Roja e analizará as últimas tendencias do sector en Pontevedra no marco das actividades formativas do I Congreso Galicia Look&Fashion.
O congreso celebrarase entre o sábado 16 e o luns 18 de novembro e coincidirá en datas coa I Feira Expo Beauty, de tal forma que durante tres días se celebrará na cidade un congreso-feira que aspira a converterse na gran cita do peiteado e a estética en Galicia, onde poderán tanto compartir ideas e tendencias entre profesionais como formarse e abrirse ao público en xeral.
A edil de promoción Económica, Carlota Román, presentou ambos os dous eventos incidindo na súa "singularidad", pois se converte na primeira cita que se celebra en Galicia, coa característica de combinar o aspecto teórico do congreso de formación e o práctico e expositivo da feira. Incidiu ademais en que cobre unha demanda histórica do sector na provincia e no éxito de que a cidade manteña un calendario feiral e congresual activo dentro da tendencia á baixada deste tipo de actividades que se deu na comunidade.
José Luis Bouzas, xerente da empresa organizadora, Docensa, considera que o "principal detalle a destacar" da cita é, precisamente, que inclúe tanto unha feira máis comercial na que se farán demostracións de produtos e servizos como un congreso de carácter formativo que suple esas deficiencias que teñen as feiras de que ves moitas cousas e ao final non quedes con nada".
Os organizadores abrirán unha bolsa de emprego para perroqueiros, esteticistas e distribuidores
Ademais, ao tocar ambos os dous aspectos complementa a parte dedicada aos profesionais do sector con actividades destinadas ao público en xeral. Para abrir o abano de posibles asistentes, faranse tamén demostracións e, por exemplo, un dos expositores, fará manicuras aos que se achegan ao seu posto.
Os organizadores abrirán unha bolsa de emprego na que, por un lado, se recollerán os currículo de profesionais do peiteado e a estética e, por outro, haberá expositores que cheguen buscando distribuidores dos seus produtos en Galicia.
José Luis Bouzas presentou o congreso-feira acompañado pola presidenta da Asociación Provincial de Salóns de peiteado, Ana Barros, e a directiva da Asociación Galega de Esteticistas, Margarita Gómez, e anunciou que entre os relatores do congreso haberá expertos de toda España como Fernando Lareu, 'coach' de vendas e director comercial de Matís París; Luis Romero, formador de profesionais coa compañía Pivot Point; Xavi García, galardoado en 2012 co premio Club Fígaro ao mellor perruqueiro de España; ou Consuelo Silveira, directora de Escolas de Estética Avanzada e creadora da técnica da masaxe mioactivo.
A entrada á feira é gratuíta para as persoas que se inscriban on line no sitio www.galicialook.com ou dispoñan dun convite distribuído a través das asociacións participantes e o resto pagará unha entrada de prezo reducido. A asistencia ao congreso, reservada a profesionais, será de pagamento e tamén será necesario inscribirse na Internet.