Metrovacesa construirá 166 vivendas máis na parcela da antiga Tafisa
Por Alejandro Espiño
Os terreos da antiga fábrica de Tafisa, a carón do Lérez, seguen atraendo novos proxectos inmobiliarios. Desta volta é a compañía Metrovacesa que, tras completar as dúas primeiras fases da súa promoción, vén de pedir licenza para iniciar as obras dunha terceira.
Neste caso levantarán un edificio con capacidade para 166 vivendas, segundo consta na documentación analizada pola comisión municipal de Urbanismo.
Trataríase dunha edificación en forma de U, que constaría de baixo máis seis alturas e con permiso para aproveitar o baixo cuberta.
Este novo edificio construiríase a continuación dos dous actuais levantados por Metrovacesa e continuando a liña do río.
A parcela ten unha superficie de 16.590 metros cadrados, sen contar os tres sotos que se empregarán para estacionamento máis rochos.
Na construción deste novo inmoble de vivendas, a compañía investirá máis de 16,4 millóns de euros.
DÚAS LICENZAS DE DEMOLICIÓN
Por outro lado, o Concello concedeu a licenza de demolición de dous edificios na cidade.
Un atópase ao final da rúa da Barca e na actualidade está valado porque eran continuas as caídas de tellas e cascallos que causaban danos na rúa e perigo aos peóns.
A propiedade solicitou a demolición do edificio, o que supón unha "boa noticia" para o goberno municipal, xa que eran reiteradas as denuncias dos veciños polo mal estado do edificio.
O outro edificio que será demolido está situado na entrada da rúa Virxe do Camiño.
Relacionadas:
-
Promoven un novo centro para a terceira idade con vivendas estilo cohousing na zona de Tafisa
Por Natalia Puga |
-
Axilizan as licenzas de demolición para edificios de Pontevedra en "malas condicións"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello dará 'vía libre' ao novo edificio universitario para Deseño en Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Vivir nun paraíso natural dentro da cidade xa é posible: chega Residencial Novolérez II
Por Noticia patrocinada |
-
Unha segunda promotora proxecta outras 92 vivendas nos terreos da antiga Tafisa
Por Alejandro Espiño |