Portos de Galicia presenta un proxecto para Raxó que non inclúe todo o ámbito que demanda o Concello
Por Oskar Viéitez
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentaron este mércores ao Concello de Poio, á Confraría e ás entidades locais o proxecto de adecuación da superficie de acceso ao porto de Raxó cun investimento de 18.000 euros e cuxa execución está vencellada ao acordo co Goberno local.
O obxectivo último deste proxecto, orzamentado en 630.000 euros, pasa por reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó e redistribuír os espazos. A proposta, tal e como sinalou Lenguas, pretende humanizar a vía con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos, "tal como comprometera o ente público nas súas diversas reunións cos representantes municipais de Poio".
O espazo viario distribuirase a través da construción dunha nova plataforma única de circulación con prioridade peonil. Ademais, renovarase a capa de rodadura na baixada ao porto, no tramo inicial da vía actual. O proxecto inclúe tamén a colocación dun banco lineal de 93 metros de lonxitude, ademais de varandas e papeleiras. Así mesmo, recolle a mellora da eficiencia e estética da rede de alumeado, así como a rede de abastecemento, pluviais e fecais e reforzarase a sinalización.
RESPOSTA DO CONCELLO
Unha vez coñecido o proxecto, o Concello de Poio esixe que Portos de Galicia actúe "en todo o ámbito recollido no convenio de 2009", que contemplaba a mellora integral do tramo que vai desde o propio peirao ata o enlace coa PO-308.
Os dirixentes municipais fan fincapé en que "non podemos aceptar sen máis que nestas obras non se contemple a execución das beirarrúas do vial que une a PO-308 co recinto portuario, que é algo que xa se recollía no convenio asinado hai máis dunha década".
Con respecto ao financiamento, desde o Goberno municipal lembran que en 2009 Portos de Galicia comprometérase a asumir o 100% destes orzamentos e, sen embargo, agora insta ao Concello a custear o 30% do financiamento. Sobre este particular, os dirixentes poienses critican este cambio e deixan claro que "o Concello pode estar disposto a asumir unha parte razoable, que en ningún caso se achega a ese 30%". De feito, non hai que esquecer que será a propia Administración local quen rehabilite o tramo correspondente á rúa Ramón Encinas, que vai desde o peirao ata o linde con Sanxenxo.
"Este é un proxecto que se tramitou de xeito directo desde a Administración municipal e no que os fondos propios destinados ascenden ao 20%. Polo tanto, non é de recibo que Portos nos esixa unha porcentaxe aínda máis alta para acometer unha actuación que ten lugar nun espazo da súa titularidade", sinala o Goberno local.
O Concello de Poio insiste na necesidade de que as obras se desenvolvan en todo o ámbito, toda vez que "está en xogo o futuro de dous espazos dunha importancia capital para as parroquias de Raxó e de Samieira, ao seren zonas de relevancia a nivel marítimo, de mobilidade e turístico".
Relacionadas:
-
Inminente inicio da humanización da rúa Ramón Encinas de Raxó
Por Redacción |
-
Gregorio Agís informa á veciñanza sobre o proxecto de mellora integral de Ramón Encinas
Por Redacción |
-
A cidadanía de Raxó coñecerá o domingo o proxecto de humanización da rúa Ramón Encinas
Por Redacción |
-
Acordo entre a Xunta e o Concello para humanizar o porto de Raxó
Por Redacción |
-
Portos de Galicia modifica a proposta de reforma do acceso ao Porto de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
O PP de Poio reclama que o Concello "recapacite" e acepte o proxecto de humanización do porto de Raxó
Por Redacción |
-
Acordo unánime no Parlamento para reclamarlle á Xunta a senda entre Combarro e Fontenla
Por Redacción |
-
"Non podemos permitir que despois de tanto tempo de espera se deixe unha parte do pobo sen a mellora comprometida"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta presentará o mércores o proxecto de reordenación dos accesos ao porto de Raxó
Por Redacción |
-
Portos de Galicia licita por 645.000 euros as obras de ampliación da Lonxa de Campelo
Por Oskar Viéitez |