A Xunta evita comprometerse con Santa Clara porque "non temos constancia oficial do que se quere facer aí"
Por Alejandro Espiño
A adquisición do convento de Santa Clara por parte do Concello de Pontevedra é unha "boa noticia" para a Xunta de Galicia. Así o defendeu este mércores o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, por mor dunha pregunta presentada pola deputada socialista Paloma Castro.
Iso si, polo momento o goberno galego asegura que "non temos constancia oficial do que se quere facer aí", polo que Rodríguez evitou comprometer ningún tipo de apoio económico á rehabilitación do inmoble.
"Cando teñamos máis información avaliaremos a proposta e tomaremos unha decisión", subliñou o titular de Cultura, para o que resulta un "pouco sorprendente" que se lle pida á Xunta un investimento determinado para algo "que está absolutamente no aire".
Tras apuntar que "é pouco serio" que se lles cuestione por un proxecto sobre o que "non hai argumentos para tomar unha decisión", o conselleiro reiterou o eloxio a Pontevedra por recuperar o seu patrimonio histórico. "Ogallá máis concellos o fixeran", apuntou.
Esa foi a súa resposta á pregunta de Paloma Castro, que reivindicou que o goberno galego asuma, como mínimo, o 50% do investimento necesario para rehabilitar o vello convento, acusando á Xunta de "botar balóns fóra" nesta materia.
A deputada socialista defendeu que o executivo autonómico "ten que colaborar" nesta rehabilitación, igual que o fixo con inmobles similares en Oia, Catoira ou Vilanova de Arousa, apelando ao "compromiso irrenunciable" da Xunta co patrimonio.
"Non é discutible que este inmoble agocha bens que deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo", sinalou Castro, que entende que Santa Clara é un ben público " cun valor especial".
Relacionadas:
-
Santa Clara contará con visitas guiadas todos os días de Semana Santa
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
Santa Clara contará co "maior e máis completo" estudo arqueolóxico da historia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Urbtopías 'estrea' Santa Clara cun adianto da Placemaking Week de setembro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Comezan as primeiras visitas guiadas ao interior do Convento de Santa Clara
Por Redacción |
-
Instalan unha rampla para facilitar o acceso á Igrexa do Convento de Santa Clara
Por Redacción |
-
Petición expresa de colaboración ao Goberno central para ampliar o Museo de Pontevedra
Por Redacción |