Abusos bancarios en primeira persoa: do "volva vostede mañá" a "contráteme un seguro e quítolle as comisións"
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Soy mayor, no idiota" é a campaña coa que o médico xubilado de Valencia Carlos San Juan, de 78 anos, reuniu 600.000 sinaturas para reclamar que os bancos atendan ás persoas maiores sen trabas tecnolóxicas e que manteñan as oficinas abertas "para seren atendidos por unha persoa e non unha máquina". Primeiro conseguiu falar coa propia ministra Nadia Calviño e, un día despois, que Abanca e Banco Santander anunciasen que ampliaban os horarios ata as 14:00 horas para atender os maiores de 65 anos.
Paralelamente, en Pontevedra, decenas de cidadáns concentrábanse diante da sucursal de Abanca na rúa Augusto García Sánchez para protestar polos "abusos" da banca, porque "non é de recibo que para cobrar a pensión, a nómina ou mesmo unha axuda de subsistencia o Estado che obrigue a ter unha conta corrente que implica o pago dunhas comisións totalmente abusivas", é unha das denuncias dos tres membros da Federación de Asociacións de Veciños Castelao que participaron nesa protesta e cos que nos citamos na sede do colectivo veciñal, o local situado baixo a praza da Liberdade.
ABUSOS DA BANCA EN PRIMEIRA PERSOA
Juan José Esperón, residente en Pontevedra e secretario da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns, de 61 anos e xubilado tras 43 anos traballando en Peral Moda, relata que hai anos a súa sogra estivo afectada polas preferentes e que logrou recuperar o seu diñeiro con moita loita. Na actualidade, indígnase ante situacións cotiás nas que se ten atopado persoas maiores " nerviosas, con bágoas nos ollos" que non se dan amañado no caixeiro automático, "que ás veces queres botarlles unha man, dicirlles se lles axudas pero, claro, é unha cousa tan íntima que tampouco queren que se acerquen a eles para que vexas o que teñen na conta".
Juan Manuel Loureiro, veciño de Pontevedra e presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao, de 56 anos e funcionario de carreira, explica a insólita situación na que se viu inmerso esta mesma semana ao querer cancelar unha conta mancomunada entre tres persoas que tiña saldo cero. Non conformes coas comisións que lles cobraban, finalmente o empregado bancario ofreceulles aboar só 60 céntimos de comisión, ao cal accederon. A sorpresa chegou cando ese mesmo empregado lles informa de que, xa que eran algo máis da 12 da mañá, a caixa estaba pechada e que tiñan que regresar outro día máis cedo para facer o trámite.
Ramón López Laxe, presidente da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta de Salcedo, de 72 anos e xubilado dunha empresa eléctrica, recollía o laio dunha veciña á que lle cobraran 50 céntimos por solicitar o estracto da conta. No seu caso, o abraio chegou cando se topou na súa conta cun cargo de 69,72 euros dunha suposta compra en Amazon que el non fixera. Na oficina bancaria indicáronlle que tiña que ir denunciar á Comisaría, sen darlle outro tipo de facilidades para recuperar os seus cartos. Lamenta que o banco non se implique máis cun erro que se debe a un fallo de seguridade da propia entidade, e que teña que ser o usuario quen pelexe para recuperar o seu diñeiro.
HORARIOS ARBITRARIOS
O anuncio de Abanca de ampliar o horario de caixa para persoas maiores de 65 anos é aplaudido por Juan José, Juan Manuel e Ramón pero inciden en que esta medida debe ser universal, para todas as persoas, e ademais poder recuperar o horario de tarde un día á semana. Neste sentido, Ramón comenta que lle consta que veciños de Salcedo teñen problemas para poder chegar ao banco no horario de caixa, por falta dun horario de transporte público axeitado, e que botar man dun taxi para un mínimo de dúas visitas ao mes é inasumible para eles.
Juan Manuel presenciou o caso de dúas persoas que estaban na ringleira agardando a súa quenda no interior da oficina bancaria cando de súpeto o empregado do mostrador anunciou de viva voz que se pechaba a caixa porque xa eran as 11. De nada serviu que estes usuarios lle indicasen que colleran o seu ticket de agarda dez minutos antes desa hora. A resposta do empregado foi que o sistema xa non lles permitía facer operacións. "Volva vostede mañá", un claro exemplo, denuncia, de trato inhumano.
TARTEIRAS E SEGUROS
Os tres representantes veciñais lembran os tempos nos que os bancos "regalaban" baterías de cociña, xogos de cubertos ou televisións por abrir unha conta cun determinado saldo. Mesmo cando se ofrecían hipotecas por cantidades desorbitadas para a compra de vivienda. Os bancos entraran no negocio inmobiliario e beneficiáballes captar clientes deste xeito. Ata que chegaron as sucesivas crises.
Máis recentemente, os tres contan casos vividos nos que o banco lles ofrecía anular as desporporcionadas comisións que lles cobraban a cambio de que subscribisen seguros de diverso tipo: auto, fogar ou decesos, "contráteme un seguro e quítolle as comisións". A "trampa" estaba na letra pequena, xa que "o que me cobraban polo seguro era máis caro que o de outras compañías, e a diferenza equivalía ao prezo da comisión, así que non están regalando nada", manifestan.
"A min gustaríame que a señora Botín ou o señor Escotet, ou algún máis que anda por alí, gustaríame que viviran a situación nas súas propias carnes", apela Juan Manuel. De non ser o caso, polo menos os tres veciños de Pontevedra agardan que as súas protestas poidan chegar aos poderes públicos para que presionen aos bancos, "salvados con diñeiro público, de todos nós, non o esquezamos", para que rematen os abusos que veñen cometendo.
Relacionadas:
-
RADIO.- Por que non se promociona a Lei de Segunda Oportunidade? Unha ferramenta legal ante crises financeiras
Por Marisa Ciordia |
-
"Unha carreira de fondo" contra as elevadas comisións e a "deshumanización" das entidades bancarias
Por Raquel Currás Martínez |
-
Protesta veciñal contra as comisións bancarias e o peche de sucursais
Por Manu Otero |
-
Os "abusos" e "mentiras" dos bancos volven ser motivo de protesta
Por Raquel Currás Martínez & Mónica Patxot |
-
A cidadanía pontevedresa plántase ante os "abusos" dos bancos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
E chegou o peche masivo de oficinas bancarias. Acabouse a atención humana
Por Oskar Viéitez |