Poio pagará menos a Sogama
Por Redacción
O Concello de Poio contará coa bonificación do 10% no canon de Sogama pola xestión de residuos urbanos. Así o confirma o edil de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro, que indica que a redución ascende a algo máis de 50.000 euros, tal e como consta nos informes elaborados polos técnicos.
Esta baixada, correspondente ao ano 2021, é posible grazas ás medidas aplicadas en cuestións como o fomento da recollida selectiva e que estaban orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional. Este desconto nos recibos farase efectivo en canto se poñan ao cobro.
Unha das chaves á hora de cumprir cos parámetros correspondentes para a aplicación desta bonificación ten que ver co boa resposta por parte da veciñanza á hora de facer uso de servizos como os Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) existentes en diferentes lugares da parroquia de San Salvador.
O uso habitual que utilizan un gran número de residentes destes dispositivos provocou que, tal e como constata o enxeñeiro municipal, se acadase unha "drástica redución" da cantidade de restos de materia orgánica dentro dos residuos que se envían con destino a incineración, o que supón "unha redución de custes no tratamento do lixo".
A todo isto hai que sumarlle, ademais, os preto de 400 composteiros individuais que o Concello de Poio repartiu entre a súa veciñanza ao longo dos últimos anos. Precisamente, a finais de 2021 procedeuse á entrega de 50 unidades cedidas por Sogama. Desde a Concellería de Obras e Servizos Municipais estase a tramitar a adquisición duns 700 novos composteiros individuais para que estean a disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, ao longo dos vindeiros meses.
Relacionadas:
-
O colexio de Viñas xa conta cun segundo recipiente para xerar compost
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza a entrega dos novos composteiros individuais para a veciñanza de Poio
Por Redacción |
-
A empresa Berca Group subministrará os 800 composteiros que Poio repartirá entre a veciñanza
Por Redacción |
-
Aumenta a demanda de compost elaborado nos centros comunitarios de San Salvador
Por Redacción |
-
Poio anuncia que xa se poden solicitar as bonificacións no IBI, viñeta e plusvalías
Por Redacción |
-
A redución do canon de Sogama deste ano suporá un aforro para os galegos de máis de 11 millóns
Por Redacción |
-
Máis de mil usuarios acudiron ao Punto Limpo Móbil de Poio o pasado ano
Por Redacción |
-
Poio tivo en 2019 a segunda renda por vivenda máis alta da provincia de Pontevedra
Por Redacción |