Catorce ofertas para o contrato de mantemento dos parques forestais da Fracha, A Tomba e O Pontillón
Por Redacción
Un total de catorce empresas están interesadas en realizar os traballos de mantemento e sostemento dos parques forestais de Pontevedra: O Pontillón do Castro, A Fracha e A Tomba. É o número de ofertas que se presentaron para o contrato que acaba de sacar a licitación o Concello.
O Concello confirmou este domingo que a Mesa de contratación recibiu 14 ofertas de empresas e o concelleiro responsable de Montes, Alberto Oubiña, destacou o interese que suscitou o contrato.
O orzamento de licitación é de 422.588,76 euros e o contrato terá unha duración de tres anos, é dicir, a Concellaría de Montes destinará case 140.862,92 euros/ano para traballos como rozas, reposicións de árbores, melloras de pistas ou retirada de especies invasoras.
O investimento atenderá a máis de 30 hectáreas no parque da Fracha; 56,80 hectáreas no da Tomba; e a 5,66 hectáreas no de Pontillón do Castro.
As empresas que presentaron ofertas son Brocoli S.L., E.I.L. Cormo Integral, Elsamex, Emdesfor 2002, Excavaciones y desbroces Rocha, Forestal Santomé, Maderdeza, Naturgalia, Properdis, empresa de inserción laboral, Redenor, Servitec medioambiente, Silvareira, Vigalco e Xestión ambiental de contratas.
O contrato permitirá a conservación das plantacións, os carreiros, as infraestruturas e o mobiliario. Ademais realizaranse tratamentos progresivos e periódicos para evitar a proliferación de especies invasoras.
A Concellaría de Montes tamén está a realizar actuacións de maior envergadura nos tres parques que non asumirá o contrato de mantemento. En Pontillón do Castro fíxose unha intervención integral e nos parques da Tomba e da Fracha seguen a realizar melloras como o acceso ao miradoiro do Pinar do Rei da Tomba e o bikepark da Fracha.
Alberto Oubiña insiste en que a aposta do Concello polos parques forestais de Pontevedra "é total", xa que supera o medio millón de euros en investimento e en sostemento. "Queremos un monte produtivo porque se o monte está traballado producirá un efecto multiplicador na economía local. Queremos seguir traballando coas comunidades de montes porque esta é a proba de que outro modelo forestal é posible", sostén.
Relacionadas:
-
Eliminación de especies invasoras, rozas e podas para manter en bo estado os parques da Fracha e A Tomba
Por Redacción |
-
Os comuneiros mobilízanse para "parar o roubo dos montes veciñais en man común"
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá tres persoas "permanentemente no monte" para manter os parques forestais
Por Alejandro Espiño |
-
Reparan todo o mobiliario urbano e os camiños do ámbito do parque do Pontillón
Por Alejandro Espiño |
-
O 'anel verde' de Pontevedra recibirá unha inxección de 275.000 euros para manterse a punto
Por Redacción |