Bueu aforra 33.600 euros no recibo eléctrico municipal con medidas de eficiencia enerxética
Por Redacción
O Concello de Bueu informa de que aforrou no ano 2021 un total de 33.655 euros en enerxía eléctrica, o que supón un gasto de 151.641 kwh/ ano menos. Así o demostra o informe de xestión enerxética correspondente ao pasado ano, e que tamén indica que nos últimos cinco anos se minorou o gasto en enerxía eléctrica en 113.048 euros.
Fontes municipais sinalan que estas boas cifras débense a diversas accións implementadas dende o consistorio, como son a sinatura dun contrato coa empresa Iberdrola en xuño de 2020, o que permitiu manter un prezo fixo da enerxía evitando toda a suba do mercado; a optimización dos conceptos de tarifas e potencias de todas as subministracións municipais; ou a incorporación da eficiencia enerxética en todas as súas contratacións e novas actuacións.
En canto ás accións concretas, o alumeado público foi unha das liñas preferentes do goberno local para mellorar a eficiencia enerxética. Coa substitución de luminarias led por diversos lugares das parroquias, conseguiuse aforrar no pasado ano un total de 80.665 kwh/ano, o que ademais supón unha mellora medioambiental importante, pois redúcense as emisións de CO2. Así mesmo, o ano pasado tamén se puxo en marcha a piscina municipal das Lagoas, un complexo deportivo e saudable no que se tiveron en conta conceptos de eficiencia enerxética.
Xosé Leal, concelleiro de Medio Ambiente, indica que "levamos moitos anos implementando políticas que redundan no coidado do medioambiente e da contorna, con accións que dende o local contribúen ao global", e que se manifestan de forma máis ordenada no Plan de Acción do Clima e da Enerxía e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, dous instrumentos que servirán de guía no presente e no futuro máis inmediato.
O gasto en iluminación pública supón un 64% do total, seguido das instalacións deportivas, cun 17 %, e dos centros docentes, con 6 %. O consistorio tamén asume a electricidade dos cemiterios municipais, Centro de Saúde, praias e medio ambiente, mercados ou a biblioteca.
De cara a este ano, o Concello de Bueu ten previsto varios proxectos para seguir mellorando as luminarias en diversas zonas, como son as da nova senda peonil entre Trasouto e A Portela, ou as situadas entre Mourisca e Cabo Udra, accións que se levarán a cabo con cargo a diversas liñas de subvencións.
Relacionadas:
-
Bueu mellora a iluminación na zona de Cabo Udra
Por Redacción |
-
Vilar e Bon estrean farois eficientes que suporán un aforro de 4.500 euros anuais
Por Redacción |
-
Comeza a ampliación do cemiterio de Bueu, que terá 108 novos nichos e 52 columbarios
Por Redacción |
-
Aproban en pleno a descarbonización do territorio municipal e a adaptación ao cambio climático
Por Redacción |
-
Comeza a substitución de máis de 200 luminarias led en diversas zonas de Bueu
Por Redacción |
-
Bueu instala luminarias led no camiño lateral do cemiterio municipal
Por Redacción |
-
Luces led para a recta do Peón, na parroquia de Beluso
Por Redacción |