O naufraxio do 'Villa de Pitanxo': sete mortos confirmados e catorce desaparecidos
O tráxico naufraxio que sufriu o "Villa de Pitanxo" en augas de Terranova (Canadá) deixa xa sete mortos e catorce desaparecidos, segundo confirman as autoridades canadenses, que manteñen activo o dispositivo de procura para localizar a posibles sobreviventes.
Ata o momento só tres dos 24 tripulantes deste arrastreiro con base en Marín, propiedade do Grupo Nores, puideron ser rescatados con vida. Ían nunha das catro balsas salvavidas do barco e foron localizados por outro pesqueiro galego, o Playa de Menduíña Dos.
A conselleira de Mar, Rosa Quintana, que se desprazou esta tarde a Marín, explicou que hai oito mariñeiros galegos entre os tripulantes deste barco, tres deles de Marín, tres de Cangas, un de Moaña e un de Bueu.
Ademais, hai outros oito españois. Trataríase dun mariñeiro de Huelva, un investigador que "ao parecer" sería natural de Canarias, e outros seis profesionais do mar nados en Perú e Ghana, que contan con nacionalidade española. Polo momento, non se confirmaron as súas identidades.
Os tripulantes do "Villa de Pitanxo" completaríanse con outros cinco mariñeiros de nacionalidade peruana, residentes en diferentes localidades das Rías Baixas, e tres de Ghana.
"É unha traxedia humana", sinalou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que conversou esta tarde co embaixador de España en Canadá, que lle confirmou que o dispositivo de procura dos desaparecidos reforzouse nas últimas horas.
O pesqueiro "Villa de Pitanxo", un arrastreiro conxelador de 50 metros de eslora propiedade do Grupo Nores, afundiu sobre as seis da madrugada hora española, tal e como rexistrou a baliza da embarcación e confirmaron as autoridades de Canadá.
Ás 05.24 horas o pesqueiro emitiu dúas alertas e cando os servizos de coordinación de Salvamento Marítimo tentaron contactar co buque non recibiron resposta.
O contacto coa caixa azul do barco perdeuse unha hora antes, segundo a información facilitada polo Goberno. O pesqueiro movíase nunha zona situada a 250 millas de Saint-Pierre-et-Miquelon, ao sueste de Terranova, e o mar presentaba malas condicións.
Ademais do mal tempo, as xélidas temperaturas da auga fan que sexa "moi difícil sobrevivir", segundo Núñez Feijóo, porque "non se aguanta moito tempo".
Os tres tripulantes rescatados ata o de agora presentaban un "shock hipotérmico".
Todos eles ían a bordo dunha das tres balsas salvavidas que localizaron as autoridades canadenses, dúas das cales foron atopadas "completamente baleiras", mentres que a cuarta aínda se segue buscando ao perderse o rastro.
A responsable de Mar no goberno galego, Rosa Quintana, apuntou que "calquera traxedia que se produce no mar é unha pena", pero engadiu que do nivel deste accidente marítimo "é o primeiro que nos toca vivir".
Recoñeceu que a situación é "moi delicada" pola distancia física entre Galicia e Canadá e a situación das familias "ás que aínda non lle podemos dicir o estado dos seus familiares".
Relacionadas:
-
Morre en Terranova un mariñeiro do Villa Nores, barco 'xemelgo' do Villa de Pitanxo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Rescatan sen vida tres mariñeiros máis do barco de Marín que naufragou en Canadá
Por Alejandro Espiño |
-
"Non vos preocupedes", a mensaxe dun dos sobreviventes do naufraxio á súa familia
Por Alejandro Espiño |
-
Marín, unha vila mariñeira sumida na "tristeza máis absoluta"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Incerteza nas familias do 'Villa de Pitanxo': "Apenas nos dan información"
Por Alejandro Espiño |
-
A armadora do 'Villa de Pitanxo' descoñece a causa do naufraxio: "Os esforzos están centrados no rescate"
Por Redacción |
-
"Consternación" nas institucións galegas diante do naufraxio do 'Villa de Pitanxo'
Por Redacción | Creada e actualizada
-
María Ramallo, tras o naufraxio do 'Villa de Pitanxo': "É un día moi difícil. Non recordo unha traxedia de tal magnitude"
Por Alejandro Espiño |
-
Varios mortos no naufraxio dun barco de Marín en augas de Terranova
Por Alejandro Espiño & Anxo Lourido | Creada e actualizada