Os sobreviventes do Villa de Pitanxo, "en proceso de descanso e aínda en shock"
Os tres sobreviventes do Villa de Pitanxo, o barco galego que naufragou en augas de Terranova (Canadá), están "en proceso de descanso e aínda en shock", segundo confirmou este mércores o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Tras un encontro en Marín con representantes da casa armadora do pesqueiro e familiares dos mariñeiros, Miñones explicou que os tres se atopan a bordo do barco galego Playa de Menduiña Dos, que foi quen localizou a balsa na que lograron sobrevivir ao sinistro.
Nestes momentos, segundo explicaba o representante gobernamental, os mariñeiros atópanse "trasladando información" do naufraxio ás autoridades canadenses e ao propio servizo de Salvamento Marítimo español.
Toda esa información "está a canalizarse" a través dos armadores do Villa de Pitanxo para que chegue tamén ás familias dos 24 mariñeiros con quen a compañía mantén un "contacto directo", subliñou o delegado durante a súa visita ao Porto de Marín.
José Miñones, que trasladou a "solidariedade e agarimo" do presidente do Goberno aos afectados, sinalou que este é un "día duro" para o mundo do mar, pero especialmente para as familias dos mariñeiros que son, engadiu, "o noso obxectivo prioritario".
"Quixemos estar con eles para trasladarlles a información que podemos e sobre todo o agarimo do Goberno e de todos os galegos", apuntou Miñones. O delegado sinalou que "o prioritario" é poder obter información "oficial e validada" sobre os mariñeiros do Villa de Pitanxo e defendeu que o "obxectivo principal" é traer de volta a España a toda a tripulación.
A este respecto, o delegado indicou que todo o proceso de repatriación será "difícil e complicado" porque o accidente produciuse a 450 quilómetros da costa de Terranova a uns 3.000 quilómetros de Galicia. Desde o Ministerio de Exteriores xa están en contacto coa embaixada de España en Canadá e co cónsul español para organizar o "procedemento necesario" para o regreso de todos os mariñeiros ao noso país.
Relacionadas:
-
Loito, minutos de silencio e bandeiras a medio mastro en homenaxe ás vítimas do "Villa de Pitanxo"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"A gran familia que é Galicia chora polos seus fillos"
Por Oskar Viéitez |
-
Así están as xélidas e "axitadas" augas que enguliron o 'Villa de Pitanxo'
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Rescatan sen vida tres mariñeiros máis do barco de Marín que naufragou en Canadá
Por Alejandro Espiño |
-
"Non vos preocupedes", a mensaxe dun dos sobreviventes do naufraxio á súa familia
Por Alejandro Espiño |