Zafarrancho de podas en varias rúas da cidade
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de poñer en marcha un novo zafarrancho de podas e retirada de restos na zona leste da cidade, en concreto no arborado urbano das rúas da Eiriña, Rodríguez Seoane e a Praza das Regas.
A intervención está a desenvolverse desde primeira hora da mañá pola firma especializada Silvareira Servizos Forestais SL, mediante o emprego dun guindastre cun cesto para poda en altura.
O Servizo de Parques e Xardíns destinou un orzamento global de 6.655 euros a contratar esta intervención (3.207 euros para o contorno da Praza das Regas e 3.449 para as rúas da Eiriña e Rodríguez Seoane).
No caso concreto de Rodríguez Seoane, parte dos traballos que se están a executar están orientados a reducir o volume das copas da liña de árbores existente neste vial, xa que hai exemplares que teñen certo porte e a súa proximidade aos inmobles estaban a facer que as pólas máis longas resultasen molestas para algúns veciños.
Relacionadas:
-
Proxectan a eliminación de especies invasoras nun treito do río Lérez que discorre por Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
Cirrios, rulas ou garzas poboan a Xunqueira de Alba, que suma 145 especies
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Os veciños de Campolongo piden o inicio da obra de descuberta do tramo urbano do Gafos neste mandato
Por Anxo Lourido |