Canadá suspende as tarefas de procura dos desaparecidos do Villa de Pitanxo tras 36 horas de rastrexo "exhaustivo"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
Ás 22.20 horas da noite deste mércores, hora española, o Centro de Coordinación de Rescate de Halifax de Canadá anunciou oficialmente que suspendía as tarefas de procura nas augas de Terranova para localizar á tripulación do Villa de Pitanxo.
Tal e como anunciou o servizo de Salvamento Marítimo canadense, todos os labores na zona suspendéronse á 16.00 hora local de Canadá "despois dos resultados da procura exhaustiva realizada".
As tarefas de procura permitiron localizar tres sobreviventes e nove cadáveres da tripulación do buque con sede en Marín, pero aínda quedan sen localizar 12 mariñeiros que permanecen desaparecidos.
A busca prolongouse durante 36 horas e as autoridades canadenses indican que implicaron a "un número significativo de aeronaves e embarcacións". A procura cubría, segundo confirman a nivel oficial, 900 millas náuticas, tendo como epicentro o punto do afundimento do buque marinense, a 250 millas (460 quilómetros) ao surestre de Terranova.
Unha vez que a procura se deu por concluída, "o caso agora será entregado á policía como un caso de persoas desaparecidas no mar".
Coas familias de todos estes desaparecidos tivo unhas palabras de agarimo o Centro de Coordinación de Rescate de Halifax, que a través de Twitter mostrou "os nosos máis sinceros pensamentos e condolencias" coas familias, os amigos e toda a comunidade destas persoas.
O Centro Nacional de Coordinación de Salvamento Marítimo con sede en Madrid, que estivo coodinando con Halifax desde o primeiro momento, deu conta de que este mércores, segundo día tras o afundimento, as tarefas de procura realizábanse nunhas condicións complicadas, cun vento de compoñente oeste de 25 nós e con ondas de entre 6 e 7 metros, "o que dificulta as operacións", sinalaba.
A procura comezou unha vez que ás 5.24 horas da madrugada do luns ao martes hora española en Madrid saltaron dúas alertas desde o Villa de Pitanxo e, tras a xestión infrutuosa de contactar co buque, deuse o aviso aos pesqueiros españois que había na zona e ás autoridades canadenses.
Relacionadas:
-
Samuel Kwesi, terceiro sobrevivente do Villa de Pitanxo está "confuso e emocionado"
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia pide seguir buscando os desaparecidos: "Suspendelo de forma abrupta é difícil de explicar"
Por Alejandro Espiño |
-
Os sobreviventes do Villa de Pitanxo chegarán mañá a terra firme
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Todo apunta ás "malas condicións" do mar como causa do naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Así están as xélidas e "axitadas" augas que enguliron o 'Villa de Pitanxo'
Por Natalia Puga | Creada e actualizada