"Petición unánime" de familias e alcaldes para que "se faga un esforzo para seguir buscando"
As alcaldesas e alcaldes de Marín, Moaña, Cangas, Bueu e Cambados sumáronse este xoves á indignación e as reivindicacións das familias da tripulación do Villa de Pitanxo e, como elas, piden que o Goberno español presione para que se siga buscando aos 12 desaparecidos que seguen en augas de Terranova, unha vez que as autoridades canadenses pararon o operativo de rescate.
Teñen todos unha "petición unánime" de que "se faga un esforzo para seguir buscando" e tamén reclaman que flúa máis a comunicación para que estean puntualmente informados sobre as últimas novidades do naufraxio.
Así o manifestou este xoves a alcaldesa de Marín, María Ramallo, falando como portavoz dos rexedores de Cangas, Bueu, Cambados e Moaña, Victoria Portas, Félix Juncal, Samuel Lago e Leticia Santos, respectivamente.
Relizaron estas declaracións tras manter dúas reunións co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, na sede da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.
Nunha estiveron varias familias dos desaparecidos e falecidos, o ministro, o xefe da patronal de armadores -Javier Touza- e os alcaldes e a outra foi máis institucional, non incluíu ás familias, pero si á empresa armadora do buque afundido, Pesqueiras Nores, e a máis autoridades como o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba; e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López.
Os alcaldes tamén quixeron deixar constancia de que non acudiron todos os familiares porque "non houbo convocatoria formal" e de que se tratou dunha reunión moi participativa na que "todos os presentes trasladaron dúbidas".
O encontro prolongouse durante pouco máis dunha hora a mediodia deste xoves e, ao seu termo, o ministro rexeitou realizar valoracións, alegando que "polas familias, quedamos en non facer ningunha declaración".
Planas remitiuse a unhas valoracións realizadas durante a mañá en Vigo nas que asegurou que o Goberno español "mantiene el contacto estrecho con las autoridades canadienses por si hubiese una ventana de oportunidad" que permitise continuar as tarefas de procura en Terranova.
Ao remate da reunión, María José de Pazo, filla do xefe de máquinas do buque, Francisco de Pazo, si indicou aos medios de comunicación que "ía falar cos outros ministerios a ver se era posible". As familias lembráronlle que "cada hora que pasaba era tempo" e el, segundo esta afectada, "quedou calado e dixo que ía tentalo".
As familias propoñen que os barcos pesqueiros que están na zona do afundimento, e que xa colaboraron nas tarefas de rescate, reciban unha axuda do Goberno para continuar co operativo e tamén maior comunicación. Segundo De Pazo, o delegado do Goberno, José Miñones, comprometeuse a facerse cargo desta posible mellora da forma na que se informa ás familias.
Tampouco entenden as familias "como estes días ninguén pode ter identificados os cadáveres" e lembran que para as familias a falta de resposta é "unha tortura".
As familias avisan de que van estar moi encima do Goberno para que se escoiten as súas demandas, pois queren "feitos, non palabras".
Os alcaldes, pola súa banda, lembran que "habendo 12 persoas desaparecidas" é necesario actuar e "que se intensifique cando se poida, cando as inclemencias meteorolóxicas o permitan, con medios de Canadá, con buques pesqueiros alí, da forma que o ministerio considere conveniente".
"Non se pode dar a batalla por perdida", pediu María Ramallo, que trasladou que os alcaldes pontevedreses con veciños afectados "estamos absolutamente todos de acordo que esas deben ser eivas a cubrir", polo que piden "comunicación directa e eficaz coas familias" e "activar todos os medios que o ministerio teña á súa man para reactivar a procura".
Relacionadas:
-
Pésame e solidariedade do papa coas vítimas do naufraxio e as súas familias
Por Redacción |
-
A busca "no ha concluido", di o Goberno, que agarda "condiciones mejores" para retomala "de algún modo"
Por Alejandro Espiño |
-
Activan a investigación oficial sobre o naufraxio, que deberá concluír antes dun ano
Por Alejandro Espiño |
-
Indignación nas familias: "Que non se cale e se aplauda que abandonen en menos de 48 horas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Samuel Kwesi, terceiro sobrevivente do Villa de Pitanxo está "confuso e emocionado"
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia pide seguir buscando os desaparecidos: "Suspendelo de forma abrupta é difícil de explicar"
Por Alejandro Espiño |
-
Os sobreviventes do Villa de Pitanxo chegarán mañá a terra firme
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada