Recepción oficial no Concello ao emprendedor caldense Emilio Froján
Por Redacción
O Concello de Caldas recibiu este venres no Salón de Plenos ao emprendedor caldense Emilio Froján, CEO e co-fundador da empresa Velca, que foi seleccionada como mellor startup do mundo no Congreso Internacional de Startup Olé, que reuniu máis de 250 promotores de ideas innovadoras de negocio de 30 países diferentes.
Velca foi seleccionada para a final da Startup World Cup que se celebrará en San Francisco en setembro de 2022, a maior competición de startups do mundo, na que competirá con outros 50 emprendedores. Froján é o único español que conseguiu unha praza nesta gran final.
Segundo a información da propia empresa, Velca é unha marca española de vehículos 100% eléctricos con baterías extraíbles que poden cargarse en calquera enchufe doméstico. Xeran un grande impacto positivo nas cidades ao non emitir ningunha sustancia contaminante nin ruído.
Xunto a Emilio Froján tamén foron recibidos polo alcalde un grupo de “influencers” que poideron coñecer de primeira man a experiencia de Velca e os seus proxectos de desenvolvemento.
O alcalde, Juan Manuel Rey, celebrou este novo éxito do caldense Emilio Froján e felicitouno por iso, agradecéndolle que estea a levar o nome de Caldas de Reis en todos os foros sobre innovación empresarial nos que participa, e o vindeiro setembro no Silicon Valley en San Francisco. "É un orgullo para Caldas compartir estes éxitos profesionais no mundo da innovación empresarial e tecnolóxica e confirma que mesmo partindo dunha vila pequena pódense desenvolver grandes ideas e proxectos sostibles de proxección mundial".