A armadora, "plenamente envorcada" en asistir aos sobreviventes e xestionar as repatriacións
Por Alejandro Espiño
A empresa armadora do Villa de Pitanxo, Pesquerías Nores, asegura estar "plenamente envorcada" na asistencia aos sobreviventes do naufraxio e na xestión da repatriación dos falecidos.
A través dun comunicado, a compañía pertencente ao Grupo Nores, explica que para "axilizar" estes labores contratou a unha empresa especializada.
Será esta firma a que se encargue de todos os trámites necesarios para traer "canto antes" os tripulantes a España.
Paralelamente, a través da súa mutua de accidentes, Pesquerías Nores está a coordinar a prestación de asistencia psicosocial ás familias das vítimas.
A armadora confía en que "entre hoxe e mañá" poida levar a cabo a identificación dos tripulantes falecidos, o que será "inmediatamente" comunicado ás familias .
Sobre as causas do accidente, a empresa subliña que está a realizar "todas as investigacións posibles" para coñecer os motivos deste "desgraciado" accidente.