Carmela Silva reclama transparencia na repartición dos fondos europeos por parte dos gobernos autonómicos
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participaba na mañá deste luns na xuntanza da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consells Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrada en León.
Na súa intervención, Carmela Silva manifestou a necesidade de aproveitar a oportunidade dos fondos europeos, garantindo que os recursos cheguen con transparencia e obxectividade ata as Entidades Locais, as máis próximas á cidadanía, e ao sector privado. Ademais, a presidenta demandou máis controis sobre reparto dende a escala autonómica.
A xuntanza da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consells Insulares da FEMP comezou cun minuto de silencio polo naufraxio do "Villa de Pitanxo" en Terranova. A Comisión pediu á Deputación de Pontevedra que traslade a solidariedade e o cariño de todas as deputacións e entidades insulares de España ás familias e concellos afectados pola traxedia.
No encontro, Carmela Silva explicou que a FEMP e o Goberno de España están facendo un esforzo para que os recursos extraordinarios procedentes de Bruxelas cheguen ás Entidades Locais, pero que, no caso de Galicia, manifesta a presidenta da Deputación que hai motivos para preocuparse pola xestión dos fondos que chegan dende Europa. Por un lado, engadiu, aínda non se publicaron ordes reguladoras de convocatorias para que o sector privado e o mundo local poidan presentar proxectos e, por outra parte, a Xunta ten unha longa traxectoria de utilización dos fondos europeos para financiar, case en exclusiva, aos concellos gobernados polo PP.
Por tanto, anticipou a súa oposición á postura que o presidente galego, Núñez Feijoo, defenderá na Conferencia de Presidentes. Considera Carmela Silva que o Goberno de España debe dar garantías de que os recursos europeos chegarán a todo o territorio e de que as ordes que o Goberno publique nos próximos meses se baseen en criterios obxectivos e non nun reparto directo ás Comunidades Autónomas.
Nesta liña, a presidenta da Deputación referiuse directamente ás próximas axudas para a dixitalización, creación de itinerarios peonís o ciclistas e redución de emisións de CO2 nas infraestruturas de comunicacións para reclamar a participación directa das Entidades Locais. "Non podemos esquecer que en Galicia o 56% da rede de estradas é provincial e, por elo, non sería asumible que estes recursos chegaran só á Comunidade Autónoma", sinalou.
Durante a xuntanza das Deputacións e entidades insulares supramunicipais da FEMP presentouse tamén un informe sobre as infraestruturas de comunicacións provinciais. No informe, a de Pontevedra aparece como unha das deputacións que máis recursos propios destina ao mantemento, conservación, urbanización e reurbanización das súas vías de comunicación.
Relacionadas:
-
A Deputación porá en marcha novas medidas para impulsar a transparencia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva, a presidenta provincial máis transparente de toda España
Por Redacción |
-
Un sistema de alertas da Deputación informa aos concellos das convocatorias de fondos europeos de interese
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación participa na creación do Foro Local para a Axenda Urbana Española
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva reivindica o protagonismo das entidades locais nos fondos europeos
Por Oskar Viéitez |