Publícase o decreto para a expropiación dos terreos afectados polo saneamento do río Lameira
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este martes 22 de febreiro no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación, dos bens e dereitos afectados pola mellora da rede de saneamento na contorna do río Lameira, en Marín.
Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Xunta co Concello de Marín en marzo do pasado ano. O orzamento base de licitación das obras supera os 3,3 millóns de euros e será asumido por Augas de Galicia. O Concello de Marín asumirá o custo das expropiacións, estimado en arredor de 79.000 euros. As actuacións serán financiadas cos fondos europeos FEDER Galicia 2014-2020.
Para levar a cabo as obras será necesaria a ocupación de 67 predios, do total de 106 afectados pola intervención. As outras 39 parcelas serán ocupadas de xeito temporal, segundo as necesidades da obras.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, tramitará as expropiacións e licitará as obras nesta primavera, co obxectivo de poder iniciar os traballos a principios do vindeiro ano 2023, cun prazo de execución de 12 meses.
DESCRICIÓN DA OBRA
O dobre obxectivo desta intervención é a redución de caudais de auga non residual que se incorporan á rede de saneamento municipal, para evitar a entrada en carga dos colectores da zona baixa do casco urbano e os frecuentes alivios de augas residuais ao medio, así como a xestión do sistema de saneamento da conca do río Lameira en tempo de chuvia, regulando os caudais enviados cara a depuradora.
O proxecto deseñado pola entidade hidráulica da Xunta para mellorar a rede de saneamento da zona do río Lameira comprende a substitución do colector interceptor existente, a creación dun depósito de regulación, con desbaste previo, e a remodelación da estación de bombeo de augas residuais do río.
As obras inclúen a renovación do colector xeral da contorna do río Lameira nunha lonxitude de 1.600 metros, desde a súa orixe na estrada PO-313, en Coirados, ata a ponte Zapal, no casco urbano, a partir de onde o río vai canalizado ata a desembocadura. Tamén se acometerán intervencións puntuais na rede para desconectar augas pluviais do sistema de saneamento municipal.
A actuación ten en conta a xestión das augas pluviais do sistema unitario da conca do río Lameira, en tempo de chuvia, polo que se executará un elemento regulador dos caudais enviados augas abaixo que, bombeados en dúas etapas, rematen finalmente na depuradora.
A intervención recolle tamén a mellora da estación de bombeo do río Lameira, situada no punto baixo o sistema de saneamento e que presenta actualmente deficiencias, tanto hidráulicas que orixinan frecuentes alivios ao medio, como de explotación, pola ausencia de equipos para a xestión eficiente.
Ademais, os traballos abranguen a mellora ambiental do río Lameira en toda a súa lonxitude, degradado pola existencia de residuos ou a invasión de maleza. A reparación do leito comprende a construción dun acceso polo bordo exterior da zona de servidume, así como intervencións para eliminar obstáculos, reconstruír muros e retranquear peches.
Relacionadas:
-
A Xunta licita as obras de saneamento na contorna do río Lameira
Por Redacción |
-
A Xunta chama os afectados polas expropiacións no río Lameira
Por Redacción |
-
A Xunta autoriza expropiacións para mellorar o saneamento do río Lameira
Por Redacción |
-
As obras de saneamento no ámbito do río Lameira durarán un ano
Por Redacción |