As probas do 'coche de punto' ábrense a todo o rural tras "superar todas as expectativas"
Por Alejandro Espiño
Tras unha primeira fase de probas nas que, segundo o Concello, "superáronse todas as expectativas", o 'coche de punto' de Pontevedra será accesible para toda a cidadanía do rural para someter a este servizo ao "máximo estrés" posible e seguir axustando o sistema.
Así, durante os próximos 3.000 quilómetros de traxectos ou, se non se alcanza esa cifra, durante todo o mes de marzo, calquera habitante das quince parroquias poderá darse de alta no sistema e usar este transporte a demanda que impulsa o executivo municipal.
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, asegurou estar "francamente orgulloso" do funcionamento deste servizo, tras resolver diversas "incidencias" iniciais, relacionadas fundamentalmente coa plataforma informática que xestiona as reservas.
A partir de agora, calquera usuario do 'coche de punto' poderá darse de alta no sistema a través da páxina web cochedepunto.gal ou no teléfono 986 07 00 66. Ambos os métodos serán tamén a vía para solicitar unha viaxe entre o rural e o centro da cidade.
Haberá ademais unha APP para dispositivos móbiles, tanto con sistema iOS como Android.
O Concello entende que este transporte a demanda "está a funcionar moi ben" e nesta fase de probas inicial realizáronse un total de 80 viaxes, sendo o pasado 17 de febreiro o día de maior actividade con 14 reservas. Só un único día, o 3 de febreiro, non houbo ningunha.
As parroquias de Lérez e Campañó son as que máis usaron este servizo, "probablemente por estar situado alí o centro de saúde", asegura Demetrio Gómez.
As viaxes, que utilizaron sobre todo a poboación máis nova, tiveron unha duración aproximada de vinte minutos e, medidos polo taxímetro, rexistraron un custo de medio de 10,16 euros -que polo momento non abonan os usuarios-. Foron, case sempre, traxectos individuais.
Relacionadas:
-
Os taxis serán os únicos que poderán ser 'coche de punto' en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O 'coche de punto' remata a súa fase de probas con 2.152 quilómetros percorridos e 56 usuarios
Por Alejandro Espiño |
-
O coche de punto poñerase en marcha antes da primavera do 2023
Por Raquel Currás Martínez |
-
Pontevedra xa proba o 'coche de punto' para poder "pulir" todo o sistema
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A veciñanza de Tomeza, Marcón, Salcedo e Ponte Sampaio participará nas probas do 'Coche de punto'
Por Redacción |
-
O transporte a demanda será o "coche de punto" e iniciará as súas probas o 31 de xaneiro
Por Alejandro Espiño |