O acceso a Ciencias da Actividade Física e do Deporte seguirá sen probas físicas
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo, a pandemia impide celebrar as probas físicas de acceso ao Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, polo que a admisión a estes estudos universitarios realizarase seguindo o procedemento xeral do sistema galego.
Desde esta titulación do campus de Pontevedra recordan que estas probas de acceso serven para garantir que o alumnado teña unhas aptitudes mínimas de condición física que permitan o correcto aproveitamento das materias prácticas deste grao.
O decano, Óscar García, explica que pola seguridade dos estudantes "preferimos ser prudentes" e non reunir os preto de 300 mozos e mozas que adoitan presentarse cada ano.
A decisión de suspender as probas, segundo o decano, adoptouse con antelación para que os interesados en cursar estes estudos "tivesen marxe de manobra".
"Non podíamos agardar a marzo ou abril para tomar a decisión, porque son probas que a xente ten que preparar", engade García, que agarda retomar este proceso para o curso 2023-2024.