O PSdeG acusa á Xunta de "falla de transparencia" na tramitación do parque eólico dos Cotos
Por Redacción
A Comisión de Industria do Parlamento de Galicia serviu este xoves para debatir sobre a tramitación do proxecto de parque eólico de Os Cotos, en Cerdedo-Cotobade. Na sesión, a deputada socialista Paloma Castro denunciou “falla de transparencia e de información” por parte da Xunta e calificou de "aleivosa" a manobra de abrir o período de alegacións durante as datas do Nadal.
"Denota unha total falla de transparencia e un ocultismo que non presume nada bo”, dixo a parlamentaria facendo fincapé no "rexeitamento social" por parte da veciñanza.
Neste sentido, a voceira socialista lamentou que a Xunta “volva renderse novamente ás eléctricas” e incidiu en que “o goberno galego non pode impoñer e modificar prazos ao seu antollo e sen xustificación, sempre de forma interesada para beneficiar a estas grandes empresas e en detrimento da veciñanza que está preocupada e non sabe que vai pasar co seu monte”.
Castro denunciou tamén que o goberno galego “non actúa de forma igualitaria con todos os concellos, senón en función da súa cor política”. Subliñou que, mentres o alcalde popular de Cerdedo-Cotobade recoñeceu que a Consellería lle informou de supostas irregularidades na tramitación, o alcalde socialista de Ponte Caldelas, concello tamén afectado por este proxecto, “nin sequera foi informado desta cuestión”.
Ao fío disto, a responsable socialista censurou as actuacións do goberno galego en materia eólica: “Ademais de basearse nun plan non avaliado ambientalmente, están sendo constantemente corrixidas polos tribunais, o cal implica problemas para os afectados e as empresas promotoras, ao mesmo tempo que a lexislación eólica galega é un galimatías de normas que mudan constantemente e non están axeitadamente coordinadas entre si nin actualizadas”.
Neste sentido, lamentou que as decisións políticas da Xunta neste ámbito “son erráticas e carecen de rumbo” e están provocando “inseguridade xurídica e conflitividade social” nun ámbito que “debería ter unha normativa clara e tendente a permitir un desenvolvemento eólico ordenado y estable que respecte o medio e contribúa economicamente nas zonas onde se instalan os parques eólicos”.
Porén, Castro urxiu a abordar a cuestión eólica entre os partidos como un “acordo de país”, dado que “é un vector imprescindible da transición enerxética xusta” e precisa dun “marco normativo claro e estable” para todos os axentes implicados.
Por outro lado, desde o BNG de Cerdedo-Cotobade acaban de presentar unha moción a través da cal instan ao goberno local a recorrer á vía xudicial e a prestar apoio xurídico ás plataformas sociais e comunidades de montes na loita que están a levar a cabo para evitar a construción deste parque eólico.
Nest senso, o portavoz nacionalista Ernesto Filgueira denuncia que "a Xunta do PP ten moito interese na construción deste parque, declarouno de interese autonómico e fixo a exposición pública en pleno nadal para que o tema pasase desapercibido para a veciñanza".
Relacionadas:
-
Pontevedra "fará todo o necesario" ante a autorización do parque eólico dos Cotos
Por Anxo Lourido |
-
Os comuneiros mobilízanse para "parar o roubo dos montes veciñais en man común"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello pide á Xunta un estudo detallado sobre as consecuencias na saúde do proxecto de Parque Eólico dos Cotos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Comunidade de Montes de Viascón presenta alegacións contra o Parque Eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
VÍDEO.- 'Así Eólicos Non' mobilízase fronte á Xunta en Campolongo ante "un ataque sen precedentes á biodiversidade"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Ponte Caldelas pide por escrito á Xunta a paralización do proxecto eólico dos Cotos
Por Redacción |
-
Cubela ratifica o seu non ao parque eólico dos Cotos, pero desmárcase da corrente anti enerxía eólica
Por Redacción |
-
Cubela acusa de difamación ao PSOE e fala de "manipulación política" no conflito dos Parques Eólicos
Por Redacción |
-
Unanimidade en Cerdedo-Cotobade no rexeitamento ao Parque Eólico dos Cotos
Por Oskar Viéitez |