Acuanorte iniciará no 2013 as obras do novo abastecemento de auga
Por Alejandro Espiño
Acuanorte, a sociedade estatal encargada do investimento e xestión de obras públicas hidráulicas na zona norte do país, prevé iniciar en 2013 coas obras do ambicioso proxecto para o novo abastecemento de auga na Ría de Pontevedra. Tras anos de estudos, o organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente comezará, aparentemente, coas expropiacións e as primeiras obras en cuestión de meses.
Para iso, os Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano recollen unha partida de 13,6 millóns de euros. Estaría destinada a sufragar o inicio destes traballos. Este proxecto, que mellorará notablemente o subministro de auga nos municipios de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa, conta ademais cunha consignación doutros 26,8 millóns de euros, que se esperan investir entre 2014 e 2015.
Segundo unha recente resposta do Goberno no Congreso dos Deputados, Acuanorte prevé que as obras poidan adxudicarse a principios do próximo ano. Contan cun prazo estimado de ejecución de 22 meses, polo que esta infraestructura non estaría finalizada, como mínimo, ata o primeiro trimestre de 2013.
Este proxecto lévase gran parte do orzamento en investimentos directos en Pontevedra do departamento que dirixe Miguel Arias Cañete. Entre eles tamén figuran 265.000 euros en diferentes actuacións de protección e regeneración do litoral pontevedrés.
Melloras nos portos de Marín e Vilagarcía
Pola súa banda, Portos do Estado tamén reflicte nos Orzamentos Xerais para 2013 unha serie de actuacións nos portos de Marín e Vilagarcía. Na capital arousana investiranse 4,89 millóns de euros, dos cales, máis da metade, 2,6 millóns, estarán dedicados ao proxecto de terminal intermodal; mentres que para Marín destínanse algo máis de 7,4 millóns de euros, principalmente para a mellora do calado e novas obras de atraque.
Fronte a estes investimentos, outros dous proxectos suscitados no seu día para Pontevedra parecen ser aparcados definitivamente, ao non aparecer consignación algunha nos novos orzamentos. Trátase da construción dun novo Arquivo Histórico, que substitúa á actual sede do Paseo de Colón, e da rehabilitación da antiga delegación de Facenda na praza da Ferrería, infrautilizado desde o traslado da Axencia Tributaria a Campolongo.