'Mulleres' reivindican a súa loita na programación para o 8M
"Mulleres. Terra de mulleres, tempo de mulleres". Con esa frase iniciábase a presentación da campaña do Día Internacional da Muller no Concello de Pontevedra, na que participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a axente de Igualdade do Centro de Información á Muller (CIM), Mercedes Renda e a artista e ilustradora Nana, autora da imaxe central da campaña.
Yoya Blanco destacou a importancia de repetir a palabra "muller", xa que chamándolle "8M" pode chegar a perderse a esencia do día e o significado da mensaxe. Polo mesmo motivo, as actividades programadas non se limitan a un só día, senón que continúan durante todo o mes de marzo e mesmo abril e maio. "É unha loita diaria, de todo o ano", remarcou.
Retomando unha proposta que leva sen facerse desde 2019, volve o programa 'Somos quen' para mulleres rurais. Contará con tres grandes bloques: 'Actualízate', sobre ferramentas dixitais; 'Creatividade', con talleres de cestería, arte e terapia, fotografía e comunicación visual; e 'Saúde e benestar', con obradoiros de masaxes, alimentación ou diferentes terapias, entre outros. A inscrición estará aberta ata o 15 de marzo.
O venres 4 de marzo terá lugar no Salón de Actos do Pazo Provincial, entre as 11:30 e as 13:00 horas, a entrega dos Premios Ernestina Otero Sestelo para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos de Pontevedra. O evento pecharase cunha actuación da narradora oral Vero Rilo.
O luns 7 de marzo lerase o manifesto elaborado pola xornalista María Varela e colocarase a lona do 8M no balcón consistorial na Praza de España, marcando o inicio oficial da programación en toda a cidade co obxectivo de concienciar ás persoas da importancia da conmemoración deste día. Durante este periodo, repartiranse cartelería e paraugas conmemorativos entre institucións, edificios administrativos e centros educativos da cidade e de lonas nas parroquias do rural.
Coa colaboración da Universidade de Vigo, os mércores 9, 16 e 23 de marzo terán lugar diversos faladoiros na Casa das Campás ás 19:00 horas da tarde, tratando temas xurídicos, sanitarios e literarios respectivamente. Entre as invitadas atópanse nomes como Lola Varela, Verónica Ramiro ou Sara Vila.
O mes de marzo finalízase cun monólogo teatral na Sala Karma o día 31 ás 20:00 horas titulado 'A Síndrome de Lis' cuxa temática aborda cuestións como trastornos de ansiedade e depresión, síndrome da impostora, acoso sexual e a proxección dunha imaxe falsa nas redes.
Así mesmo, o 10 de marzo inaugúrase unha exposición de fotografías e vídeos en cooperación con Promoción Económica a través do programa 'Mulleres da Vila', no que quince mulleres emprendedoras da cidade serán visibilizadas en varios comercios locais.
A concelleira incidiu na relevancia da formación, tanto para alumnado como profesorado, polo que a partir do 15 de marzo iníciase a programación para os centros educativos con contacontos e diferentes obradoiros para educación primaria, secundaria, bacharelato e formación básica. A finalidade destes eventos é a detección e prevención das violencias machistas nos espazos de ensino. Polo tanto, é fundamental debido á repunta de casos de sexismo en idades temperás, segundo puntualizou Mercedes Renda.
O deseño da carteleira corre a cargo da artista procedente de Ordes chamada Nana, que explicou a súa concordancia coas expectativas da concellería para crear unha imaxe potente con "mulleres fortes, formando unha cadea humana e loitando xuntas". Nana tamén realizará un mural de corenta metros cadrados con motivos feministas na rúa Eduardo Pondal do 4 ao 7 de marzo se as circunstancias climatolóxicas o permiten.
Relacionadas:
-
'Mulleres adiante', o lema reivindicativo do 8M para conseguir unha igualdade real todos os días
-
Un obradoiro artístico xuvenil crea un novo mural reivindicativo en Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
A loita pola igualdade líbrase estas semanas nos centros educativos de Pontevedra
Por Redacción |
-
A 'cadea de mulleres' comeza a tomar forma nos muros de Eduardo Pondal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha cadea de mulleres unidas en loita realzará este muro de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
'Mulleres da vila' dá relevancia ás empresarias do comercio local
Por Anxo Lourido |
-
RADIO.- 8M: Unha emprendedora pontevedresa dedicada a asesorar a outras mulleres emprendedoras
Por Redacción |
-
Precariedade laboral das coidadoras, trata de mulleres e educación contra a violencia machista, tres retos para o 8M en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Unanimidade nos Premios Ernestina Otero Sestelo aos proxectos educativos con perspectiva de xénero
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O comercio local vai da man do Concello de Cuntis na campaña polo Día da Muller
Por Redacción |