O Villa de Pitanxo tiña un historial de sancións e sentenzas da Audiencia Nacional por pesca ilegal
Por Natalia Puga
O pesqueiro Villa de Pitanxo leva anos acumulando un historial de sancións do Ministerio de Pesca por infraccións graves da Lei de Pesca Marítima que derivaron en polo menos dúas sentenzas da Audiencia Nacional que reprochan a actuación da armadora, Pesqueiras Nores, e do patrón.
As dúas sentenzas, adiantadas por Economía Dixital Galicia e ás que tivo acceso PontevedraViva, son dos anos 2017 e 2020, aínda que xulgan sancións xa detectadas en 2013 e 2016 por diversas irregularidades á Lei de Pesca Marítima do Estado na pesca de fletán negro.
A resolución máis recente data do 17 de xullo do ano 2020 e refírese a infraccións de 2016. A Sala do Contencioso da Audiencia Nacional desestima parcialmente un recurso da armadora fronte á Administración Xeral do Estado e confirma sancións ao patrón e á armadora.
A resolución confirma parcialmente unha sentenza previa do Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 8 de Madrid e resolucións do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de 2017 que impoñían ao patrón seis sanciones por infraccións graves.
As sancións máis graves son 60.000 euros por unha infracción de eliminación, alteración, ocultación ou encubrimento de probas que puidesen obterse no transcurso dos labores ou procedementos de control e inspección, 40.000 euros por falta de envío de posicións e 40.000 euros por non rexistrar no diario de abordo as capturas do fletán oculto.
Segundo consta na sentenza, os inspectores comprobaron a existencia dunha adega oculta onde se atopaban as capturas do fletán negro embolsado e sen etiquetar nun total de 26.788 quilos. Por esta infracción, acordouse o comiso das capturas.
Non só sanciónase ao patrón, senón tamén á armadora, no seu caso, con perda de puntos cos que contan os propietarios de barcos no regulamento de control europeo da pesca.
A outra sentenza é previa, do 11 de outubro de 2017, por dúas infraccións graves detectadas no ano 2013 por pesca de fletán negro sen declarar.
A Sala do Contencioso da Audiencia Nacional desestima un recurso de apelación interposto pola armadora e confirma un sentenza previa do Xulgado Central do Contencioso- Administrativo número 11 e resolucións do Secretario Xeral Técnico e o Director Xeral de Recursos Pesqueiros e Acuicultura.
Unha inspección do ano 2013 detectou "alteración intencionada" da clasificación de capturas de dúas filas de caixas de fletán negro para facelas pasar por capturas de raias e tamén unha "infracción de obstrución ao labor inspector", pola ocultación de caixas de fletán e pola extracción para a venda sen autorización antes de que concluíse.
DECLARACIÓN DE FALECEMENTO
A letrada xudicial do Xulgado de Instancia número 2 de Vigo asinou este martes 1 de mazo a declaración de falecemento dos 12 mariñeiros que continúan desaparecidos. O buque naufragou a 250 millas da costa de Terranova con 24 tripulantes, dos que tan só tres sobreviviron. Foron recuperados e repatriados a España e Perú nove cadáveres mentres que outros 12 continúan desaparecidos.
Esta declaración é un trámite civil iniciado a pedimento da Fiscalía e xestiónase nun xulgado de Vigo por ser o porto de saída do buque o 26 de xaneiro.
O artigo 194 do Código Civil indica que procede a declaración de falecemento daqueles mariñeiros dos que non se tiveren noticias despois de que resulte acreditado que se atopaban a bordo dunha nave cuxo naufraxio ou desaparición por inmersión no mar comprobouse ou a bordo dunha aeronave cuxo sinistro se verificou, ou, en caso de atoparse restos humanos en tales supostos, e non houberen podido ser identificados, logo que transcorresen oito días
Relacionadas:
-
Volve a casa o Playa de Menduiña Dos, buque clave no rescate e investigación do naufraxio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
"Esperamos que saia a verdade aínda que xa nos avisaron que atopala será complicado"
Por Alejandro Espiño |
-
Os tres sobreviventes do Villa de Pitanxo xa declararon ante a comisión que investiga o naufraxio
Por Alejandro Espiño |
-
Familias do Villa de Pitanxo estudan levar o naufraxio ao xulgado para que "se saiba a verdade"
Por Natalia Puga |