Máis de 8.000 sinaturas apoian a proposta da pontevedresa que solicita a eliminación da pirotecnia ruidosa
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A pontevedresa Beatriz Suárez Vence está sorprendida pola aceptación que tivo a súa iniciativa: "non esperaba tanto apoio", afirma. En xaneiro deste 2022, despois de sufrir o impacto sonoro de fogos de artificio durante as festas de Nadal, decidía abrir a súa proposta na plataforma Change.org solicitando sinaturas para que a pirotecnia ruidosa sexa considerada como unha acción de malos tratos aos animais.
Por que puxo en marcha esta campaña? Porque Beatriz é unha das afectadas polo uso deste tipo de pirotecnia. Ela adopta cans que foron maltratados. Adoptou a Nora, unha cadela falecida nun accidente meses atrás, e agora coida de Chapito. O sistema nervioso do seu animal está afectado polos malos tratos sufridos con anterioridade e tenta que se recupere.
Os ruídos estridentes aféctan a Chapito e o dos fogos artificiais é un dos que máis. Por iso, Beatriz decidiu tentar parar esta práctica habitual en festividades. "A pirotecnia non ten por que ser un deses ruídos inevitables", asegura. Explica que esta actividade non é imprescindible e os ruídos poden afectar de tal maneira á súa mascota, que uns segundos de exposición sonora chegan a provocar un retroceso en toda a progresión de adaptación que ela leva realizando durante meses para tentar curar os seus medos.
Por este motivo, a través da recollida de firmas quere tentar que as administracións sexan sensibles e entendan que a pirotecnia ruidosa é un modo de malos tratos cara aos animais. A súa proposta conta xa con máis de 8.000 firmas e numerosas persoas puxéronse en contacto con ela para expresarlle o seu apoio.
"Non queremos prexudicar a ningún colectivo pero hai outras alternativas", explica a PontevedraViva a impulsora desta iniciativa. Entende que a pirotecnia é unha tradición nas festas pero argumenta que existen elementos lumínicos sen son que poden ser igual de atractivos.
Lembra que a contaminación acústica, ademais dos danos aos cans, tamén causa graves alteracións a persoas autistas ou a enfermos de hemicrania, entre outros pacientes que sofren distintos trastornos. Beatriz Suárez-Vence demanda sensibilidade con eses casos. "Iso é aínda moito máis grave", argumenta
Púxose en contacto cunha moza de Almería, que tamén quere desenvolver unha campaña neste sentido, e estudan levar a cabo recollidas de sinaturas nas rúas en diversas cidades do Estado coa intención de poñer en marcha unha iniciativa lexislativa popular para que o tema sexa tratado en sede parlamentaria.