Prorrogado ata xullo o contrato do subministro eléctrico do Concello de Poio
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio vén de aprobar a prórroga do contrato de subministro eléctrico para dependencias e instalacións municipais, adxudicado a principios de 2021 á empresa Iberdrola Clientes Sociedade Anónima.
Deste xeito, esta entidade será a encargada de seguir proporcionando o servizo ao Concello de Poio ata mediados do mes de xullo. Esta renovación faise efectiva en marzo, logo de que expirase o contrato inicial en febreiro.
Esta medida tómase tendo en conta a proposta realizada polos técnicos municipais, en cuxos informes advírtese de que, no caso de volver a sacar a día de hoxe o concurso a licitación, os custes poderían ser moito maiores, habida conta da imposibilidade de licitar a prezo fixo, o que fai inviable a opción de estimar prezos de referencia.
Ademais, os técnicos tamén apuntan que a incerteza que se vive actualmente no mercado eléctrico tamén recomenda optar por esta ampliación. A prórroga ten unha duración de catro meses e medio.
O concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, lembra que o Concello de Poio leva moitos anos apostando por aplicar medidas en favor da eficiencia enerxética, de xeito que "poidamos garantir un servizo óptimo reducindo custes". Precisamente, o feito de licitar o subministro eléctrico facilitou que no ano 2021 se conseguise unha redución de gastos de máis 5% con respecto ao exercicio anterior, pasando de 450.677 a 476.803 euros.
"Esta ampliación do contrato con Iberdrola danos algo máis de marxe para preparar as condicións da seguinte licitación. A pesar de que a situación actual do mercado é complexa e experimenta cambios constantemente, seguiremos apostando por fórmulas e actuacións que reduzan os custes de consumo enerxético, como son as obras de eficiencia enerxética como as realizadas en instalacións como a Casa Consistorial, o ximnasio ou o pavillón da Seca, así como a dotación de luminarias led en todo o municipio", conclúe Agís.