Xa está arranxada a rede de pluviais no Camiño do Outeiro, na parroquia de Quireza
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade destinou 35.355 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a mellorar a rede de pluviais no Camiño do Outeiro, na parroquia de Quireza, e a mellorar o pavimento existente favorecendo a seguridade viaria e o acceso ás vivendas da zona.
A solución adoptada polos técnicos para acometer este investimento consistiu en dividir as actuacións en dous tramos sobre os que se fixeron labores de limpeza de marxes do camiño e o saneo localizado con saburra, varrido da superficie e estendido de nova capa de aglomerado.
Para o segundo tramo, ademais da limpeza de marxes do camiño e o varrido da superficie e estendido de nova capa de rodadura, procedeuse a realizar a formación dunha nova rede de recollida de augas pluviais a través da instalación de tubaxe e a creación dunha canle de formigón con reixa.
O alcalde, Jorge Cubela, explicou que con esta actuación "aténdense as necesidades da veciñanza residente nos núcleos rurais" especialmente en cuestións que favorezan a seguridade viaria e o acceso ás vivendas "que para nós é unha prioridade absoluta y que tentamos de resolver na medida das nosas posibilidades para poder atender o máis axiña posible ao maior número de núcleos e aldeas que precisan dunha actuación".